ariete
(< lat ariĕte)
-
s
m
[BÉL/HIST]
Máquina de guerra deseñada para derribar tramos de muralla dunha fortificación, composta por unha trabe larga e pesada reforzada no seu extremo por unha peza de bronce ou de ferro en forma de cabeza de carneiro. Usada xa por asirios, gregos e romanos, nun principio era levada en brazos por un gran número de homes, sendo ben axiña suspendida por unha trabe cunha cuberta que protexía os soldados mentres daban ao ariete un rápido movemento pendular. Empregouse tamén de xeito continuado durante a Idade Media.
-
s
m
[MAR/BÉL]
Antigo tipo de barco de guerra blindado, de proa sen lanzamento e de roda prominente e reforzada, que arremetía contra as embarcacións inimigas para afundilas.
-
ariete hidráulico
[FÍS/TECNOL]
Aparello de elevación de auga ou doutros líquidos, inventado por Montgolfier no 1792, que permite facer subir un determinado caudal a unha determinada altura. Isto conséguese mediante a produción de golpes de ariete nunha condución por onde pasa un caudal bastante máis grande ca o que se quere facer subir, baixo o efecto dun salto máis pequeno ca a altura de elevación que se quere obter. Presenta o interese de non requirir unha achega externa de enerxía, pero as súas posibilidades son limitadas.
-
golpe de ariete
[FÍS/TECNOL]
Fenómeno que se produce nas conducións polas que circula un fluído (especialmente un líquido) cando se fai variar o estado de abertura dun órgano que está intercalado (unha válvula, o distribuidor dunha turbina, etc). Se esta variación é un peche, prodúcese unha sobrepresión cerca do órgano de mando; se é unha abertura, prodúcese unha depresión. Fisicamente, estas variacións de presión están directamente relacionadas coa compresibilidade do fluído e coa capacidade de dilatación das paredes que o conducen. Esta sobrepresión, localizada nunha zona do conduto, crea un estado de desequilibrio que orixina a propagación da mesma sobrepresión ao longo do cano, acompañada dunha diminución da presión alí onde a sobrepresión se produciu; orixínase, polo tanto, unha oscilación da presión ao redor do valor inicial, que tamén se vai transmitir polo cano e se reflicte na súa entrada. A velocidade de propagación destas ondas de sobrepresión e depresión depende do material que constitúe o conduto, e é tanto máis elevada canto máis ríxido sexa este. Nas instalacións hidroeléctricas, hai que ter presente o valor do golpe de ariete á hora de elixir o grosor do cano de alimentación da turbina; cómpre que non alcance valores moi altos para non ter que reforzar excesivamente o cano. Para limitar o golpe de ariete pódese recorrer a aumentar o tempo de peche, a dispositivos especiais antiariete, ou a acurtar o cano, dispoñendo unha superficie relativamente libre preto do órgano de admisión (cheminea de equilibrio).