arredismo
Tendencia política que propugna o illamento dun país respecto aos compromisos políticos internacionais. As súas orixes atópanse nos EEUU. Washington foi o primeiro en recomendar unha neutralidade absoluta respecto ás cuestións non americanas (1797). Esta doutrina foi reafirmada na declaración de Monroe (1823) e aplicada sistematicamente despois da Guerra de Secesión (1861-1865). Se ben os norteamericanos participaron nas conferencias de Algeciras (1906) e da Haia (1907) e na Primeira Guerra Mundial, ao remate da mesma o senado opúxose ao ingreso na Sociedade de Nacións e volveuse ao illamento. Esta tendencia endureceuse progresivamente ata chegar á aprobación da leis de neutralidade (1935-1939) polas que se prohibía facer préstamos e enviar axudas a países en conflito. Trala Segunda Guerra Mundial a política estadounidense baseouse nun activo intervencionismo. Gran Bretaña seguiu esta tendencia no s XIX. Joseph Chamberlain mantiña que o seu país e as súas colonias debían formar un bloque á marxe do continente. Non obstante nos inicios do s XX Gran Bretaña tivo que abandonar esta política e entrou en 1904 na Entente Cordial. O moderno desenvolvemento dos armamentos e a interdependencia dos estados nos ámbitos económico e tecnolóxico fan virtualmente imposible o arredismo, aínda que se practica nalgúns países, en graos e motivos diferentes, como Albania ou Suíza.