artesán -sá

artesán -sá

(

  1. adx

    Relativo ou pertencente á artesanía.

    Ex: Antigamente elaborábase o viño con procedementos artesáns.

    Sinónimos: artesanal.
  2. s

    Persoa que exerce unha arte ou oficio manual, moitas veces de carácter tradicional. As actividades artesanais comezaron a realizarse como complemento dos labores agrícolas. Os labregos desenvolvían o oficio despois de ter feitas as tarefas propias ou cando o coidado do campo, principalmente no inverno, non requiría demasiado tempo. Este traballo resultaba fundamental para o abastecemento dos útiles de labor e o seu mantemento en bo estado significaba unha fonte de ingresos complementarios. Pouco a pouco os traballos foron especializándose e xurdiu o artesán como oficio específico. O traballo organizábase en pequenos obradoiros de carácter familiar nos que se mantiña unha tradición transmitida de xeración en xeración, pero en certos casos podían dispoñer dun ou varios xornaleiros. Os obradoiros servían, ademais, como lugares de formación dos futuros artesáns: os aprendices permanecían na casa do mestre artesán durante un período de tempo que podía ser moi variable, dependendo da dificultade da tarefa e a especialización que quixera acadar. Ao longo de todo o territorio de Galicia podíanse encontrar talleres de carpinteiros, oleiros, ferreiros, teceláns, curtidores, toneleiros, telleiros, zoqueiros ou selleiros, mentres que outros oficios, como cereiros, acibecheiros, ourives, palilleiras, reloxeiros ou esmaltadores tiñan localizacións xeográficas máis concretas. Algúns artesáns víanse obrigados a itinerar polo territorio galego, ben na procura de clientes -afiadores-, ben porque os medios e materiais de traballo así o pedían -canteiros, carpinteiros ou costureiras; a gran maioría traballaban no seu obradoiro, levando despois a súa produción ás feiras. Ata a década de 1950 os artesáns seguiron cumprindo un papel relevante na vida das aldeas galegas; a partir de entón deberon cambiar de actividade ou ben adaptar os obxectos artesáns a unha clientela urbana, convertidos estes en meros obxectos decorativos, unha vez perdida a súa funcionalidade.

    Ex: Os artesáns que traballan a pel chámanse peleteiros.

Palabras veciñas

artesa | Artesa de Segre | Artesán | artesán -sá | artesanado | artesanal | artesanía