Árticas, Terras

Árticas, Terras

Nome que reciben as terras insulares e continentais situadas no interior do Círculo Polar Ártico (66° 17’ de latitude N). A parte central da rexión ártica está ocupada polo Océano Ártico, mar interior que se abre con maior amplitude ao Atlántico e que comunica co Pacífico polo estreito de Bering (entre a península dos Chukchis, ao L, e Alasca, ao O). O factor que lle confire unidade a esta rexión é o clima, caracterizado pola permanencia ao longo de todo o ano de baixas temperaturas. Pódese distinguir unha área de clima polar oceánico na rexión do Ártico que se abre ao Atlántico, cun réxime de ciclóns e de clima húmido e frío, pero non estremado, e unha segunda área de clima polar continental onde son frecuentes temperaturas mínimas absolutas de -50° C. No tocante á fauna e á flora, as rexións árticas de América e de Eurasia amosan unha destacable homoxeneidade. Dende o punto de vista bioxeográfico constitúen unha rexión, a rexión ártica, do reino holoártico. Por causa do rigor extremo das condicións climáticas hai pouca variedade nas especies, aínda que, así e todo, se supera en número ás especies que viven no continente antártico (Antártida). Os lugares que non están permanentemente cubertos polo xeo están dominados pola tundra, extensións de vexetación herbácea pobre e abundancia de brións e, sobre todo, liques. O poboamento animal é tamén pobre e basicamente constituído por homotermos moi ben protexidos contra as baixas temperaturas: renos, caribús e pequenos roedores constitúen o nivel primario da cadea alimenticia e sérvenlles de alimento aos carnívoros terrestres (lobo, raposo ártico, armiño, aves rapaces, etc). No litoral pódense atopar focas, morsas, osos polares, aves mariñas, etc. Estas terras foron descubertas polos normandos no ano 982, cando Erico o Vermello chegou ás costas de Grenlandia. A lembranza destas terras perdeuse ata o descubrimento das novas rutas oceánicas cara a Oriente e Occidente. A partir de entón tentouse abrir unha vía marítima para chegar a Oriente bordeando as costas setentrionais de Asia e de América, e buscáronse os pasos do NL e do NO. Ingleses e holandeses lanzáronse no s XVI á busca do paso. En 1594-1596 o holandés Willem Barentsz chegou ao mar que leva o seu nome. Os ingleses, ao fracasar os intentos de descubrir a ruta, dedicáronse a buscar a do NL: Martin Frobisher (1576-1578), John Devis (1585-1587), Henry Hudson (1607-1611) e William Baffin (1615-1616) conseguiron superar os 80° de latitude N. No s XIX despois de novos intentos, como a chegada de William Edward Parry á illa de Melville en 1819, James Roos conseguiu fixar a posición do Polo Norte Magnético na península de Boothia. A partir de entón tentouse definitivamente a conquista do Polo Norte Xeográfico a través de tres rutas diferentes: a do O de Grenlandia, que seguiu Robert Peary en sucesivas expedicións desde 1900 ata que chegou o 6 de abril de 1909; a do mar situado entre Grenlandia e Noruega, que seguiron Julius Payer e Karl Weyprecht, descubrindo as illas da Terra de Francisco Xosé; e a do estreito de Bering, que seguiu Fridjoft Nansen, quen chegou ata os 86° 24’ de latitude N. Na segunda metade do s XX establecéronse nestas terras bases científicas e militares soviéticas e estadounidenses. Á parte do afán científico, hai un interese económico polas Terras Árticas e especialmente polas súas potencialidades pesqueiras. A caza de baleas, que tivera un gran desenvolvemento no s XIX, está practicamente esgotada e rematou sendo prohibida. O mar de Barentsz converteuse dende 1996 en caladoiro da flota bacallaeira galega. Os habitantes destas rexións dedícanse á cría do reno e de animais de peles valiosas, pero, malia todo, o valor económico da rexión é escaso. Non obstante , destaca o seu valor político e estratéxico como ruta das liñas intercontinentais. Os habitantes autóctonos da rexión son esencialmente esquimós. Os territorios árticos repártense entre as seguintes potencias: Federación Rusa (Nova Terra, arquipélago da Terra de Francisco Xosé, Terra do Norte e arquipélago da Nova Siberia e as penínsulas de Kola, Iamal, Taymjr e dos Chukchis), EE UU (Alasca) Canadá (illa Victoria, arquipélago Sverdrup, illa Príncipe de Gales, illas da Raíña Isabel e Terra de Baffin) e Noruega (Svalbard), xunto con Grenlandia, baixo soberanía dinamarquesa.