artrose

artrose

(< gr ἄρϴροσις‘inflamación da articulación’)

s f [PAT]

Artropatia crónica non inflamatoria constituída principalmente por alteracións destrutivas das cartilaxes e das fibrocartilaxes; osteosclerose subcondral, reacción osteofítica dos bordos articulares, formación de cavidades pseudoquísticas na epífise e fibroesclerose da membrana sinovial e da cápsula. Estas lesións son consideradas de natureza dexenerativa e asimílanse cun tipo de envellecemento articular prematuro. Non se coñecen as súas causas, pero suponse que dependen das características físicas e bioquímicas da cartilaxe articular ou das condicións mecánicas defectuosas ás que está sometida. Localízase especialmente nas articulacións intervertebrais, nas coxofemorais, nos xeonllos, nas articulacións interfalánxicas das mans, na trapezometacarpiana e na metatarsofalánxica do dedo gordo do pé. Aparece, xeralmente, despois dos corenta anos e é máis frecuente no sexo feminino. O síntoma máis importante é a dor provocada polos movementos.

Palabras veciñas

artrópodo | artroscopia | artroscopio | artrose | artróspora | Arts and Crafts | Artur