ascensor
(< lat ascensore)
Aparello de transporte intermitente de persoas en sentido vertical ascendente e descendente. Os primeiros modelos foron hidráulicos. O primeiro ascensor presentouse na Exposición de París en 1867 e instalouse outro en 1878. Na actualidade funcionan con tracción eléctrica e só se reserva a tracción hidráulica para certos tipos de montacargas. O primeiro ascensor eléctrico funcionou en 1880 na Exposición de Mannheim. En esencia, o ascensor está composto por unha cabina e por un contrapeso que corre entre dúas guías. A cabina vai sostida e impulsada por cables de aceiro accionados por unha polea motora. O oco do ascensor, recinto por onde se despraza a cabina e a miúdo o contrapeso, acaba nun foxo onde se encontran os amortecedores. A cada nivel hai portas dunha folla, dúas follas ou telescópicas de abertura automática que se pechan mediante un temporizador e unha célula fotoeléctrica de seguridade. A cabina, receptáculo de transporte, vai montada dentro dun bastidor de ferro que leva un paracaídas, as entalladuras por onde se deslizan as guías e un tope para servir de contacto co amortecedor. As portas son semellantes ás do oco pero tamén hai cabinas sen portas. As guías son os perfís de aceiro que impiden os desprazamentos laterais da cabina e do contrapeso. O grupo tractor é o conxunto de elementos motrices e dos seus accesorios: motor eléctrico, freo electromecánico axustado ao motor, que actúa cortando a alimentación deste, a miúdo redutor da velocidade, roldana motriz (no ascensor de adherencia), ou ben tambor (ascensor de tambor de rolo), xa en desuso, e nivelador automático. A suspensión está feita por medio dos cables que unen cabina e contrapeso pasando pola roldana motriz. Os dispositivos de seguridade son, principalmente, os enclaves electromecánicos dos pechos das portas da caixa, que non se poden abrir a non ser que a cabina estea situada na zona de apertura do pecho; os contactos das portas, que impiden que o ascensor poida funcionar se non están pechadas; o botón de parada de emerxencia, que frea instantaneamente o ascensor e dispara o timbre de alarma, etc. Os mecanismos de manobra están formados polo seleccionador de pisos, algúns con memoria e programables, polo interruptor de fin de carreira e polos dispositivos electromecánicos e electrónicos que gobernan o arranque, a parada e a inversión da marcha do grupo tractor en correspondencia cos botóns e cos dispositivos de seguridade.
Ex: O ascensor só sube ata o noveno piso, logo hai que seguir polas escaleiras.
Confrontacións
montacargasCitas
- O ascensor só sube ata o noveno piso, logo hai que seguir polas escaleiras.