asistencia

asistencia

(

  1. s f

    Acción de asistir a un lugar.

    Ex: Ten máis de quince faltas de asistencia no curso.

  2. s f

    Conxunto dos asistentes.

    Ex: O conferenciante entusiasmou á asistencia.

  3. s f

    Acción de asistir a alguén.

    Ex: Gracias á asistencia rápida dos médicos, o ferido salvou a súa vida.

  4. s f [DEP]

    En deportes colectivos con balón, especialmente no baloncesto, pase da pelota a un xogador que está ben situado fronte á meta contraria e que ten como resultado a consecución dun tanto, un gol ou unha canastra.

  5. asistencia colectiva [DER]

    Asistencia mutua.

  6. asistencia hostil [DER]

    Asistencia que realiza un barco neutral, en tempos de guerra, colaborando cos fins dun dos belixerantes. Pode provocar a confiscación do barco neutral quedando sometido ao mesmo tratamento, como se se tratase dun barco inimigo.

  7. asistencia marítima [MAR]

    Calquera auxilio prestado a un barco no mar e en situación de perigo. Institución fomentada nun senso de humanidade e de cooperación. No caso de que a asistencia teña unha boa fin, o servizo é remunerado polo armador do barco asistido.

  8. asistencia mecánica [DER]

    Relación de servicios orixinada por un contrato segundo o que o produtor ou o provedor dunha mercadoría de tecnoloxía complicada, comprométese a mantela en estado de bo funcionamento durante un determinado período de tempo e contra o pagamento dun prezo determinado.

  9. asistencia mutua [DER]

    Obrigación que se establece nos tratados internacionais de defensa ou de garantía mutua -clasicamente chamados alianzas- consistente no deber dos estados asinantes de axudarse mutuamente coas forzas armadas en caso de agresión. Os actuais tratados de asistencia mutua contra unha agresión (OTAN e outros) son xuridicamente considerados pola Carta das Nacións Unidas acordos rexionais, e quedan teoricamente sometidos ao control superior do Consello de Seguridade.

  10. asistencia ó detido [DER]

    Dereito irrenunciable que ten toda persoa detida a designar avogado para que o asista en todas as declaracións e dilixencias que se practican para a súa identificación.

  11. asistencia pública [DER]

    Conxunto de servicios que mantén a administración pública para axudar, case sempre gratuitamente, aos que dunha maneira momentánea ou permanente non dispoñen de medios económicos para satisfacer as súas necesidades ineludibles (comer, servicios médicos ou hospitalarios, aloxamento, maternidade, orfandade, etc). Os servicios de asistencia pública ou beneficencia pública, complementadas pola acción da beneficencia privada, son hoxe total ou parcialmente asumidos, en moitos países, pola seguridade social.

  12. asistencia social [SOCIOL]
    1. Conxunto de actividades públicas ou privadas que teñen como finalidade axudar, de forma organizada, a persoas ou grupos, e satisfacer as necesidades que non estean ao alcance dos seus propios medios.

    2. Termo que se empregaba nos países latinos para designar o traballo profesional dos asistentes sociais ( traballo social).

    3. Ata o ano 1885 en que se habilita o mosteiro de Conxo para manicomio, o destino dos alienados non era outro que finar os seus días aferrollados en calabozos, cortes ou faios. A situación, non obstante, foi mudando ben por unha maior sensibilidade por parte da Igrexa logo da encíclica Rerum Novarum, ben polo desenvolvemento do mutualismo, ou, ao fin e ao cabo, por unha progresiva intervención das administracións locais na asistencia social. A partir da fin do s XIX e promovidos dende estes tres sectores, vanse inaugurar nas principais cidades galegas cociñas económicas, casas-cuna, casas de maternidade, dispensarios antituberculosos e antivenéreos, institutos de vacinación, escolas de cegos e xordomudos, asilos, inclusas, etc. Máis tarde, nos tempos da Segunda República Española (1931-1936), nun contexto de debate ideolóxico e de iniciativas políticas encol da participación do Estado en materia de organización sanitaria, as Inspeccións Provinciais de Sanidade, dependentes da Dirección General de Sanidad, abrangueron algúns dos servicios anteditos. Logo da Guerra Civil Española, e como consecuencia dela, os demandantes de asistencia social aumentaron en gran número, ficando a súa atención baixo a responsabilidade de institucións relixiosas na maioría dos casos, sostidos xeralmente polas administracións locais (montes de piedade). As condicións da posguerra obrigaron ao Estado a artellar unha serie de medidas destinadas a atender as necesidades dunha poboación moi depauperada por causa da contenda e do desabastecemento provocado por ela, e polo bloqueo internacional ao que foi sometido o Estado español, logo da derrota do Eixe na Segunda Guerra Mundial. A política social baseouse na promoción de sociedades profesionais de socorro mutuo e na creación da Seguridade Social para os traballadores. Os máis desfavorecidos ficaban á mercé da beneficencia. Coa entrada en vigor do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981, a Xunta de Galicia asumiu as competencias en asistencia social; con posterioridade o Estado transferiulle as competencias en Sanidade, Emprego e Servicios Sociais. Para atender as situacións de desprotección social, a Comunidade Autónoma creou a Renda de Integración Social de Galicia (RISGA), pensión non contributiva que se concede de xeito temporal para evitar situacións de marxinalidade, e pensións asistenciais para persoas anciás e diminuídas.

  13. asistencia xurídica [DER]

    Función propia do avogado especialmente necesaria nos litixios nos que normalmente non lle son recoñecidas ás partes litigantes, o poder de postulación procesal, é dicir, a posibilidade de intervir persoalmente para defender os seus dereitos diante dos tribunais.

Palabras veciñas

Asís | asísmico -ca | asismismo | asistencia | asistencial | asistenta | asistente