asteroide

asteroide

(< gr ἀστεροειδής‘con forma de estrela’)

s m [ASTRON]

Nome dado aos planetas pequenos do Sistema Solar; o maior, Ceres, ten só uns mil quilómetros de diámetro. A maioría están no cinto principal, situado entre as órbitas de Marte e Xúpiter a unha distancia media do Sol de 2,8 unidades astronómicas, se ben hai tamén dous grupos que seguen a órbita de Xúpiter (grupo Troiano) e un centenar con órbitas moi diversas que cortan as da Terra e Marte (como Ícaro, Adonis, Apolo, Eros e Hidalgo). En 1801 G. Piazzi atopou o primeiro asteroide, Ceres; despois W. Olbers descubriu Palas en 1802, Harding Xuno en 1804, e novamente Olbers Vesta en 1807. Comas i Solà descubriu os asteroides Hispania (1919), Alfonsina (1920) e Barcelona (1921). Ultimamente, E.F.Helin descubriu o chamado 1989 PB. Coñécense uns 4.000 asteroides, que comprenden tres tipos principais: os asteroides C, de baixo albedo, que son ricos en silicatos hidratados e carbono, e que constitúen o 60% do total; os asteroides S, compostos de piroxenos e olivinas, que constitúen o 30%; e os asteroides M, enteiramente metálicos, compostos principalmente por ferro e níquel. Os asteroides son, como os cometas, vestixios da formación do Sistema Solar.

Palabras veciñas

Astérix | Astérix | asterixia | asteroide | asteroideo | Asterolinon | Asterophora