astronáutica

astronáutica

(

s f [AERON]

Conxunto de ciencias e tecnoloxías aplicadas ao estudo e ao desenvolvemento da locomoción de máquinas polo espazo extraatmosférico, como tamén á súa explotación científica, militar ou comercial. O único sistema para propulsar un vehículo polo espacio, á parte da hipotética vela solar, é o do motor foguete. Unha astronave obedece ás leis da mecánica celeste: se o camiño seguido é pechado e repetitivo chámaselle órbita e ao vehículo satélite artificial, mentres que se ten un punto inicial e un final, chámase astronave ou sonda cósmica, segundo estea tripulado ou non e o camiño é unha traxectoria. A técnica de voo utilizada consiste en situar o vehículo fóra da atmosfera, proporcionándolle unha compoñente de velocidade tanxencial á Terra. As velocidades (primeira velocidade, 7,73 km/s; segunda velocidade, 11,2 km/s; terceira velocidade 16,1 km/s) non deben ser demasiado elevadas mentres se atravesa a atmosfera, co fin de evitar un quentamento aerodinámico excesivo, nin deben ser obtidas mediante unha aceleración inicial irresistible para os tripulantes e para os instrumentos. A primeira xeración de teóricos da Astronáutica e da tecnoloxía da propulsión por foguetes apareceu independentemente en diversos países ao comezo do s XX. En 1927 fundouse en Alemaña o Verin für Raumschiffahrte (Sociedade Astronáutica), que contou coa participación de científicos como Wernher von Braun (1912-1977). En 1930 constituíuse a American Interplanetary Society, que en 1934 se transformaría na American Rocket Society. A British Interplanetary Society fixo contribucións teóricas de interese. Na URSS destacou o traballo de Sergei Korol´ov (1906-1966), pai da Astronáutica soviética. Nos primeiros momentos produciuse unha verdadeira carreira do espacio. Na primeira etapa (1957-1969) os programas postos en marcha pola URSS (Vostok, Voskhod e Sojuz) permitiron situar no espazo aos primeiros seres humanos, en tanto que a NASA orientou os seus programas (Mercury, Gemini e Apollo) cara á chegada á Lúa. Durante a segunda etapa (1970-1989), a Astronáutica consolidouse en catro direccións: lanzamento de satélites, establecemento de estacións espaciais, estudo do Sistema Solar con sondas automáticas e desenvolvemento da lanzadeira espacial. No lanzamento de satélites, ademais de Rusia e dos EE UU apareceron novos protagonistas: Europa (que ten o seu propio programa, Ariane), Xapón, a India e China. Puxéronse tamén en marcha programas de estacións espaciais. Os cosmonautas soviéticos, transportados por naves Sojuz, pasaron amplas temporadas nos laboratorios orbitais Sal´ut, avituallados de material por naves automáticas Progress. En 1983 experimentouse a amaraxe de tres naves: a Cosmos 1443, a Sal´ut 7 e a Sojuz T 9. En 1986 ponse en órbita o primeiro módulo da estación espacial Mir, que permaneceu operativa ata 1999. A estación norteamericana Skylab representou os inicios dunha estación orbital permanente que a NASA pensaba satelizar posteriormente. O Spacelab europeo non foi unha estación permanente, senón un laboratorio transportado dentro dunha adega dunha lanzadeira norteamericana. As sondas interplanetarias aumentaron considerablemente o coñecemento sobre os planetas e satélites do Sistema Solar. Os primeiros proxectos da NASA (Pioneer, Ranger, Surveyor e Lunar Orbiter) e da URSS (Luna e Lunik) estiveron destinados ao recoñecemento da Lúa; sen embargo, axiña se enviaron sondas (orbitais ou de aterraxe) a case todos os planetas: a NASA mandounas a Venus (Mariner 2, 5 e 10, Pioneer e Venus), a Marte (Mariner 10), a Xúpiter e Saturno (Pioneer 10, 11 e Voyager 1, 2), e a Urano e a Neptuno (Voyager 2). Rusia, continuadora da actividade astronáutica da URSS, enviou os chamados Venera a Venus (16 misións) e os Mars a Marte (7 misións). O desenvolvemento da lanzadeira espacial da NASA (Columbia, Challenger ou Discovery) fai que este sexa un vehículo reutilizable e, polo tanto, máis económico. A última etapa, propiciada pola fin da Guerra Fría, abriu novos vieiros (telescopios en órbita -Hubble e Chandra-, lanzamentos dende o mar, etc) e desenvolveu algunhas das orientacións anteriores (lanzadeiras espaciais, estacións espaciais). Na procura do abaratamento dos custos principiouse a posta ao día de tecnoloxías que faciliten o lanzamento dende o mar, feito que ademais diminuiría o perigo á poboación en caso de accidente. En 1998 púxose en marcha o proxecto de construción dunha Estación Espacial Internacional (ISS) no que participan 17 países; coa ISS establecerase en órbita un laboratorio permanente e facilitarase a viaxe tripulada a Marte. Na Conferencia de Viena (1999), unha reunión convocada pola ONU, redactouse unha Declaración final na que se presentaba a estratexia espacial para o s XXI: aproveitamento dos recursos naturais, protección do medio ambiente, educación espacial, fortalecemento da ONU e promoción da cooperación.