asturiano -na

asturiano -na

(

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Asturias ou aos seus habitantes.

  2. s

    Natural ou habitante de Asturias.

  3. arte asturiana [ARTE]

    Formas de arte da Corte de Asturias, primeiramente en Cangas de Onís, despois en Oviedo e en León, desde o s VIII ata a época de Afonso III. É un dos grupos de arte prerrománica máis persoais. O seu sistema construtivo está rexido polos principios que formaron toda a arte medieval desde o Románico, aínda que aquí aparecen arcos de medio punto e de ferradura. Pódese dicir que se trata xa de estruturas medievais, en contraposición coas visigóticas, pese a que na súa orixe teñen un gran papel as novas fórmulas europeas de influencias orientais. Os temas escultóricos participan das estilizacións clásicas de raíz hispano-visigótica ata a aparición dos modos mozárabes. A pintura presenta raíces antigas sen apartarse dos mesmos modelos de tempos bizantinos. Na arte asturiana distínguense catro momentos: un de formación (Igrexa de Santa Cruz, en Cangas de Onís (737), outro que corresponde a Afonso II, do cal permanece a chamada Cámara Santa e San Julián de los Prados. O terceiro momento -Ramiro I- é o máis persoal. Consérvanse, entre outros, a Igrexa de Santa María de Naranco e a de San Miguel de Lillo. Finalmente, a arte de Afonso III caracterízase polas influencias dos mozárabes cordobeses. A ourivería, con influencias do norte de Italia e carolinxias, deu obras capitais.

  4. lingua asturiana [LING/LIT]

    As falas asturiano-leonesas son aquelas que se falan na área do antigo Reino de León. As provincias de Asturias, Santander, León, Zamora, Salamanca, Cáceres e Badajoz amosan restos do vello dialecto. O asturiano presenta aínda nestes últimos anos do s XX unha situación de bilingüismo diglósico no que a lingua A ou alta é o castelán, e a lingua B ou baixa é o asturiano, que como lingua minoritaria e minorizada ensina unha problemática específica.
    Evolución histórica
    A documentación dos reinos de Asturias e de León data do 775, o Diploma do Rey Silo, e constitúe unha das máis ricas dentro do ámbito peninsular. O século XIII constitúe o máis frutífero dentro da documentación medieval en asturiano, na súa maioría textos xurídicos (foros, ordenanzas municipais, doazóns, testamentos, etc); esta lingua presenta numerosas vacilacións ortográficas, elementos dialectais, así como latinismos (esperables por tratarse dunha linguaxe xurídica inzada de fórmulas fixas en latín) e o influxo doutros romances como o galego, o portugués e tamén o castelán. Pero a influencia deste último maniféstase sobre todo a partir do s XIII, sendo especialmente intenso na zona máis oriental do Reino e despois no sur. Os documentos refliten que ao norte da Cordilleira Cantábrica a castelanización foi máis tardía, no último terzo do s XIV e definitiva no s XV, debido á supremacía política de Castela despois do triunfo dos Trastámara, cos que chegan a Asturias altos cargos civís e eclesiásticos procedentes de Castela que determinarían a castelanización posterior. Debido a isto e ao desenvolvemento oral da literatura naquel momento non se conserva ningún texto en asturiano dos séculos XV e XVI. Será o poema sobre o “Pleito entre Oviedo y Mérida sobre la posesión de las cenizas de Santa Eulalia” de Antón de Marirreguera (1639) o que testemuñe a existencia dunha literatura nese romance. Os séculos XVIII e XIX constituíron para a literatura asturiana unha época de notable desenvolvemento; entre os seus cultivadores destacan Josefa Jovellanos, José Caveda y Nava, Juan M. Acebal, Teodoro Cuesta, José García Peláez, etc. Autores cultos de clase social elevada que cultivaron fundamentalmente a poesía. A finais do s XIX xurdiu unha literatura de escasa calidade onde se rexistraba o emprego diglósico do asturiano; este feito contribuíu ao desprestixio da lingua que repercutiu na conciencia lingüística dos falantes quen mesmo chegarían a avergoñarse da súa propia lingua. Para reaccionar contra este feito, na segunda metade do século XX asístese a un importante rexurdimento da literatura asturiana, tanto en verso como en prosa, non só polo número de escritores senón tamén pola calidade da súa produción. Pero xa con anterioridade se deran varios intentos para converter o asturiano nunha lingua de cultura: no s XVIII destaca o proxecto de Jovellanos para elaborar un dicionario, unha gramática e unha Academia Asturiana de Buenas Letras; e ao longo do s XX sobresae o labor de Caveda y Nava, Laverde Ruiz, Canella, entre outros, que elaboraron as súas gramáticas e dicionarios cunha finalidade normativa, pero que non se chegaron a publicar. Os pasos decisivos viñeron no 1973 cando se convocou en Oviedo a I Asamblea Regional del Bable. Froito desta mesa foi a redacción da Gramática Bable de Cano González e outros, (1976); pero tamén a aparición do Conceyu bable, formado sobre todo por mozos vencellados á universidade, que son os autores dun labor importante de normativización e normalización social e que divulgan o seu traballo na revista Asturies Semanal. Aínda que sen dúbida o feito máis importante foi a creación da Academia de la Llingua Asturiana polo Consello Rexional de Asturias no ano 1980.
    Características lingüísticas
    Esta lingua indoeuropea do grupo románico coñécese popularmente co nome de bable. No asturiano distínguense tres zonas: o asturiano occidental, o asturiano central e o asturiano oriental. O bable ou ástur-leonés falado fundamentalmente no Principado de Asturias presenta os seguintes trazos lingüísticos:
    -A ditongación de E e O en todos os contextos.
    -A tendencia ao peche das vocais átonas en posición final, aínda que a pechazón da palatal é menos frecuente que a da velar.
    -A epéntese de iode en final e interior de palabra.
    -O cambio de B, D > l en posición implosiva (

    Ex: CUBITU > cobdo > coldo). -Conservación do grupo -MB- (Ex: LOMBU > sombu). - A perda do -r final dos infinitivos cando presenta pronome enclítico. -A utilización do posesivo entre o artigo e o substantivo (Ex: La su vaca). -A apócope de -e na 3ª persoa da conxugación (Ex: tien ‘tiene’, pon ‘pone’). -A sufixación -in, -ino para o diminutivo e máis restrinxida xeograficamente ca a dos sufixos -uco, -uca. -Conservación de verbos incoactivos -ASCERE, -ESCERE que non comparte o castelán. (Ex: No latín AMARE - AMASCERE ‘comezar a amar’). Pero no paso ao romance este sufixo perde o seu valor incoactivo. Os trazos pertinentes para a súa diferenciación segundo as zonas son os seguintes: -Ditongación da conxunción ĔT. Este arcaísmo subsiste na actualidade no bable occidental e en puntos do leonés occidental, en Babia e Laciana concretamente. (Ex: ET > ya, no castelán ET e as formas de SUM non ditongan por seren consideradas átonas). -A ditongación das formas de SUM propia do leonés central e occidental, foi un trazo xeral na antigüidade. -A aparición de ditongos decrecentes é característica de todo o leonés occidental. En Asturias chegan ata a beira do río Nalón (ei avanza ata as proximidades de Oviedo). Polo sur o límite márcao a cordilleira de Sobia. Tamén se rexistran ditongos decrecentes en puntos do occidente de León: o Bierzo, Maragatería, etc. (Ex: -éiru rexístrase en todo o occidente de Asturias). -A metafonía ou inflexión da vogal tónica que se dá nalgunhas comarcas do centro de Asturias (nos concejos de Mieres, Pola de Lena, Aller) é unha característica típica do asturiano central, relegada hoxe a comarcas extremas polo influxo das cidades. Consiste en que toda -U, -I longos finais pechan a vogal tónica A > e, O > u, E > i. Este fenómeno incluso se dá cando a vogal está en hiato ou en posición non inmediata á final. Temos que advertir que a terminación -u metafonética pode ter un valor diminutivo ou despectivo (Ex: mantigu / mantiga). A metafonía non só distingue as formas de singular e plural senón tamén o masculino do feminino (Ex: guetu - gata, gatos - gatas). Ademais, este fenómeno fonético non actúa na conxugación verbal, excepto en Lena onde si se rexistran formas verbais que presentan -i (Ex: fixi - fexo, quixi - quexo). En Aller preséntase só cando as formas verbais amosan un pronome enclítico (Ex: cuidelu, vilu). -O plural -AS, -AN > -es, -en en todo o bable central, Sanabria (Zamora) e en Payo (Salamanca). -A epéntese de -j- iode ao final de palabra é frecuente en toda a área leonesa. En Asturias é moi abundante, tamén na montaña santanderina e no occidente de León, Babia, o Bierzo e La Cabrera. -O peche das vocais átonas finais e > i e o > u é un fenómeno típico do leonés (máis abundante o peche das palatais). -A sufixo -ino > -in en todo o Asturiano. Polo xeral nos diminutivos bisílabos non se produce a apócope. Este tratamento alcanza o ángulo noroeste da provincia de León. No Bierzo rexístranse as dúas formas -ín / -iño. En Babia e Laciana alternan -ín /-ino. A toponimia reflicte unha distribución moi irregular do fenómeno. -As asimilacións e disimilacións vocálicas son xerais a todo o asturiano. -O -e final consérvase nalgúns lugares detrás de -d- como no galego, hoxe rexístrase este fenómeno nas áreas limítrofes. -Despois de l- e r- o -e final mantense en Babia, Laciana, Maragatería e La Cabrera. En Sanabria está aínda moi vivo este fenómeno no infinitivo. -O F- inicial latino consérvase no occidente e centro de Asturias e no occidente de León. En Asturias, o límite entre o F- conservado e a aspiración alcanza o río Sella. O oriente da provincia únese coa fala santanderina aspirando ese F-, esta aspiración confúndese coa aspirada farínxea moderna do castelán /X/.-O L- inicial palataliza en todo o leonés /¥/, en ocasións tamén palataliza o intervocálico. A palatalización desta líquida inicial é usual en todo o dominio asturiano aínda que con variantes fonéticas: no asturiano occidental dende o Eo ata Porcia aparece inalterado este l- inicial. Dende alí ata a beira dereita do Navia, zona galego-asturiana, o l- aparece palatalizado; e en Coaña, Armental e Villacondide rexístrase a pronuncia yeísta. -O LL- inicial é característico do asturiano central e oriental, e así establece a continuidade co montañés santanderino onde o l- pasa a l maioritariamente, aínda que se rexistran casos illados de palatalización. O occidente da provincia de León conserva o l- inalterado na súa zona galega, parte do Bierzo e Ponferrada; pero a zona leonesa conserva a palatalización. -O son [š] rexístrase nunha grande área do asturiano occidental e parte do centro e sur da provincia de Asturias; nesta mesma área o [¥] pasa a [š] africado, xordo, post-alveolar de timbre grave. Unha variante é a cacuminal ḋ rexistrada en Sisterna, semellante á de algúns dialectos sardos e sicilianos; con algún matiz diferente tamén se recolle no concejo de Aller. A evolución [¥] > [š] é típica tamén do occidente de León (Babia, Laciana, Ponferrada e Murias de Paredes). Este resultado confundiuse coa realización africada do castelán /tS/ en Pola de Lena, Aller e Mieres; noutros concejos o [š] invadiu o terreo de /tS/ especialmente nas persoas de idade, mentres que os máis mozos nos concejos occidentais presentan o fenómeno inverso e fan /tS/ como [š]. -A palatalización do n- inicial persiste no leonés actual aínda que tivo unha maior presenza na antigüidade, de xeito que en Asturias falta en todo o occidente ata Pola de Lena, e só no centro da provincia se rexistran algunhas voces; o asturiano oriental descoñece este fenómeno. En León esta palatal procedente de -N- só se coñece en Murias de Paredes e en Astorga e a súa bisbarra.

    Sinónimos: bable, bable.