Atlántico, Batalla do
Conxunto de operacións navais que tiveron lugar no Océano Atlántico no trancurso da Segunda Guerra Mundial. Ao principio tratouse de manter un bloqueo a distancia dos países do Eixe; pero, a partir de 1940, adquiriu novas características que durarían toda a guerra. Dunha banda, Inglaterra precisaba de liñas de comunicación cos EE UU que permitisen levar a termo a política de colaboración establecida na carta do Atlántico; doutra, Alemaña intentou evitar a chegada de convois a Gran Bretaña por medio da guerra submarina. Os recursos investidos na investigación militar aplicada a esta batalla axudaron a acadar considerables melloras tecnolóxicas. Os aliados incrementaron a construción de navíos mercantes e perfeccionaron os métodos de construción (Liberty), inventáronse sistemas de detección submarina (ASDIC e sonar) e apareceron novos tipos de navíos adaptados á escolta de convois. Por parte dos alemáns, a innovación máis importante foi a introdución do schnorchel (dispositivo que permite o funcionamento dos motores diesel) nos submarinos. A perda das bases alemanas de submarinos na costa atlántica francesa (1944) foi un feito decisivo e determinou practicamente o final da batalla.