Atlántico Diario
Xornal subtitulado “Periódico independiente de Galicia”, fundado en Vigo en 1988 e dirixido por Luís Rodríguez, Xosé M. Couselo e Manuel Orío Ávila na súa primeira etapa, e por Rodrigo Varela Rodríguez, a partir do ano 1996. Foron redactores-xefe o propio Manuel Orío e Marcelo Fernández Otero. Editado pola empresa Rías Baixas Comunicación, SA, conta, nas diferentes páxinas dedicadas a “Opinión”, coas colaboracións de Manuel Vidal Villaverde, Lalo Vázquez Gil, Guillermo del Alba, José Manuel Ponte, Fernando Jáuregui, Julia Navarro e Francisco Castro, entre outros. Esta publicación viguesa conta con diversas seccións dedicadas a “Vigo”, “Comarcas”, “Galicia”, “Pontevedra”, “España” e “Mundo”, onde se analizan temas políticos e sociais, “Economía”, con especial atención aos mercados de valores, “Mar”, con novas referentes ás lonxas, á situación da flota pesqueira dos portos galegos e ao desenvolvemento dos acordos internacionais sobre pesca, “Sociedade”, unha sección de anuncios breves e “Deportes”, que trata dun xeito extenso o labor realizado ao longo das xornadas polos equipos e polos deportistas galegos das diferentes categorías. Presta especial atención á zona sur de Galicia e concretamente á provincia de Pontevedra, posto que inclúe novas referentes a todos os concellos e comarcas do arredor, preocupándose polos seus temas políticos, sociais e económicos. Amais disto conta con axendas de servicios e exposicións, carteleiras de televisión e comentarios de filmes, incluíndo tamén publicidade nalgunhas das súas páxinas. Participa tamén o humor gráfico de “Santy”, de Xosé Lois, creador do personaxe “O Carrabouxo” e “Guti”. Ao longo de máis de once anos de edición, tirou do prelo máis de catro mil trescentos números.