atraso económico de Galicia, O
Libro de Xosé Manuel Beiras Torrado, publicado pola editorial Galaxia en Vigo no ano 1972, no que se enuncia a teoría do atraso como modelo explicativo da estrutura económica de Galicia. Segundo a obra, as transformacións económicas que se estaban a producir daquela no país non se acompañaban dun desenvolvemento e dun crecemento parello, polo que incidían na permanencia dunha economía dependente e caracterizada por niveis de produtividade, renda per cápita, consumo, porcentaxe da poboación activa, etc, inferiores aos dos países do seu contorno, eis o atraso. Dende esta perspectiva, o país sufría un proceso de desartellamento territorial (éxodo rural), esmorecemento demográfico, crise agraria, proletarización da poboación e desastre ecolóxico pola xestión anárquica do hábitat. A obra conclúe que o atraso de Galicia é responsabilidade de factores como a emigración secular, o raquitismo burgués, a insolidariedade institucional ou a colonización financeira, e que o minifundismo, as deficientes comunicacións, a inhibición empresarial e outros fenómenos, son síntomas do atraso e non as súas causas. O atraso económico de Galicia tivo gran repercusión na literatura económica e no discurso político posteriores en Galicia, ben fose para confirmar os seus postulados, ben para rebatelos. En 1997 a editorial Laiovento publicou unha nova edición revisada.