1 ave

1 ave

(

  1. [ORNIT]
    1. ave accidental

      Denominación que recibe unha especie de ave nun determinado lugar cando aparece de forma esporádica e sen obedecer á súa pauta regular de presencia.

    2. ave de paso/pasaxeira

      Designación que recibe unha especie de ave migratoria que se despraza dende a área de cría á de invernada, e viceversa.

    3. ave divagante

      Nome que se lle dá a unha especie de ave migratoria observada nun determinado lugar que non lle é propio, debido a que se desviou da súa ruta migratoria.

    4. ave estival

      Denominación que recibe unha especie de ave migratoria que está presente nun determinado lugar durante a época de cría, período que normalmente vai de primavera a verán.

    5. ave invernante

      Nome que se lle dá a unha especie de ave migratoria que está presente nun determinado lugar só durante a época fría, que vai normalmente dende mediados de outono ata o principio de primavera.

    6. ave migratoria

      Designación que recibe unha especie de ave que ao longo do ano se despraza entre distintas rexións, en función da disponibilidade de recursos.

    7. ave sedentaria

      Denominación que recibe unha especie de ave que permanece todo o ano na mesma rexión, aínda que realice pequenos desprazamentos dentro desta.

  2. ave de cetrería [ANIMAL/ORNIT]

    Ave rapaz que se usaba na caza de cetrería.

  3. ave de curral [ANIMAL/ORNIT]

    Ave doméstica.

  4. ave de rapina/de presa [ANIMAL/ORNIT]

    rapina.

  5. ave do frío [ANIMAL/ORNIT]

    avefría.

  6. ave do paraíso [ANIMAL/ORNIT]

    Nome que reciben todas as aves da familia dos paradiseidos, da orde dos paseriformes.

  7. Ave Fénix [ANIMAL/ORNIT]

    Ave fabulosa que, tras morrer queimada, resucitaba das súas propias cinsas.

  8. ave laiona [ANIMAL/ORNIT]

    Designación que reciben os mouchos.

  9. ave lira [ANIMAL/ORNIT]

    Nome que reciben as aves australianas do xénero Menura.

  10. ave noitébrega
    1. [ANIMAL/ORNIT]

      Ave que só boa de noite, por exemplo, o moucho, o bufo, a curuxa, etc.

    2. Persoa que fai ou que lle gusta a vida nocturna.

  11. ave rapaz [ANIMAL/ORNIT]

    rapaz.

  12. s m [ALIM]

    En gastronomía, todos os animais de pluma de curral (polos, galiñas, ocas, patos, pombas, etc) ou de caza (faisáns, perdices, arceas, etc). A carne de ave ten un valor nutritivo lixeiramente superior á dos mamíferos e é máis tenra e fácil de dixerir. Polo xeral posúe un aroma suave, unha cor clara e unha porcentaxe de graxa que oscila entre o 20 e o 25%. Pode cociñarse asada ao forno, á grella, á brasa, estufada, cocida, frita, etc.

  13. [ANIMAL/ORNIT]
    1. s f

      Individuo da clase das aves.

      Ex: As cegoñas son aves migratorias que constrúen os niños en lugares elevados. As aves de curral poñen uns ovos máis saborosos ca os de granxa.

    2. s f pl

      Clase de animais que pertence ao subfilo dos vertebrados, do filo dos cordados. A característica definitoria principal das aves é a presenza de plumas, exclusivas deste grupo de animais. Ademais son homeotermas (capaces de regular a súa temperatura corporal), teñen respiración pulmonar e son ovíparas, é dicir, poñen ovos. O seu principal medio de locomoción é o voo, polo que todo o seu corpo está adaptado para ese fin. Os membros anteriores están transformados en ás e propulsan a ave no aire, mentres os posteriores serven de medio de locomoción terrestre. As mandíbulas están desprovistas de dentes e cubertas por un peteiro córneo.

      Anatomía

      A pel das aves é fina, tanto a súa epiderme como a súa derme, e non posúe glándulas sudoríparas ou sebáceas. As únicas glándulas asimilables a estas son as do conduto auditivo externo e as glándulas uropixias, que se sitúan na cola do animal e producen unha secreción aceitosa para impermeabilizar a plumaxe. Nalgunhas especies, como nos pelicanos, a derme forma sacos aéreos que se poden inflar e que están en contacto cos sacos aéreos pulmonares. As plumas, o pico córneo ou ranfoteca, as escamas das patas e as unllas son formacións da pel. Os membros anteriores reduciron o número de ósos e a súa mobilidade para ofrecer unha base sólida para as plumas e o voo. A man só ten tres ósos (ulnar, radial e carpometacarpo), formados pola fusión dos carpianos e metacarpianos, e dos cinco dedos só se conservan tres. O dedo máis exterior forma a álula, de grande importancia na mecánica de voo, mentres que os outros dous forman a parte máis exterior da á. Nos membros posteriores, os metatarsos están fusionados coa tibia e o tarso para formar o tibiotarso e o tarsometatarso (tamén chamados metatarso ou tarso). En xeral, teñen catro dedos nos membros posteriores, tres dirixidos cara a adiante e un cara a atrás, polo que teñen gran capacidade para asir obxectos. Algunhas especies teñen menos dedos, como a avestruz que só ten dous, e outras presentan dous dedos cara a adiante e dous cara a atrás, como os petos. Esta variabilidade está relacionada coa adaptación ao modo de vida de cada especie. Así, as rapaces, como os miñatos, posúen garras. Moitas aves acuáticas, como o alavanco, teñen os dedos palmeados e moitos que andan na lama presentan dedos ou patas longas, como as galiñolas ou as garzas. A columna vertebral caracterízase por unha zona cervical longa e móbil, por outras como a torácica, a lumbar e a sacra que son ríxidas e unha zona caudal móbil. O longo pescozo facilita o equilibrio e permite maior mobilidade da cabeza, que funciona como ferramenta de manipulación xa que os membros anteriores están altamente especializados para o voo. As aves teñen entre trece e vinte e cinco vértebras cervicais. Tras delas atópanse cinco vértebras dorsais fusionadas, ás que segue o sinsacro, un óso formado pola fusión de vértebras dorsais, lumbares e sacras. Seis vértebras caudais móbiles rematadas polo pigóstilo -óso terminal formado pola fusión de varias vértebras caudais- permiten á cola cumprir a súa función durante o voo. As costelas van fortemente unidas unhas a outras para darlle rixidez á caixa torácica. Esta rixidez do tronco permite o asentamento dos fortes músculos de voo. O esterno está provisto dunha forte quilla, soporte dos músculos alares. A cintura escapular, onde se articulan as ás, apóiase no esterno e está composta polo óso coracoides, que soporta a maior parte das tensións do voo, a escápula e a clavícula ou fúrcula. Os ósos íleo, isquion e pube aparecen fusionados para formar a cintura pélvica, cunha forma similar á dos homes, aínda que máis alongada. No esqueleto da cabeza destacan as grandes concas orbitais e o receptáculo do cerebro, que está en posición posterior e cos ósos soldados de forma apenas imperceptible. A cabeza únese á columna vertebral a través dun só cóndilo occipital, o que lle dá moita mobilidade. As mandíbulas están cubertas por un pico córneo e non presentan dentes. A peza inferior está composta por dous ósos, formados pola fusión de cinco pezas cada un, que aparecen soldados no seu extremo distal formando unha peza en uve que se articula a través do óso cadrado co cranio. Tamén a peza superior do peteiro pode articularse co cranio, especialmente nalgunhas especies. A lingua está provista dun conxunto de ósos chamado aparato hioideo, que está especialmente desenvolvido nos petos. Na musculatura das aves destaca o gran desenvolvemento dos músculos do voo, xa que só os músculos pectorais e supracoracoideos, responsables do movemento vertical das ás, poden acadar o 36% do peso total do individuo. Curiosamente estes dous músculos están situados na parte ventral do animal, mellorando así o equilibrio aerodinámico. Igualmente, nas patas traseiras, a maior parte da masa muscular sitúase arredor do fémur, que está recollido baixo a pel do tronco, situándoa preto do centro de gravidade da ave. Dende aquí uns delgados e fortes tendóns baixan ata os dedos. Os dedos presentan un mecanismo de bloqueo que os fai pechar cando a pata se apoia sobre unha póla, evitando así que se solten mentres dormen. No aparato dixestivo destaca a presenza do papo, formación do esófago no que se almacena o alimento á espera de ser dixerido. Nalgunhas especies como as pombas, o papo segrega unha especie de leite utilizado para alimentar os polos e que ten maior contido graxo ca o leite de vaca. Inmediatamente despois atópase o estómago, dividido en dúas partes; a primeira delas, o proventrículo ou estómago glandular, parece pouco máis ca un engrosamento do esófago, mentres que a segunda, a moella ou estómago muscular, é a parte do estómago onde se tritura o alimento, a miúdo grazas a pequenas pedriñas que a ave consome. O intestino desemboca na cloaca, que é a cavidade tubular onde tamén desembocan os aparatos urinario e reprodutor, así como a bolsa de Fabricio, un saco cego que produce inmunoglobulina e leucocitos pero cunha función pouco clara. O aparato respiratorio ábrese ao exterior polas narinas, situadas na base da mandíbula superior. A larinxe non ten cordas vocais e non emite sons, xa que a función sonora está cuberta pola sirinxe, órgano vocal que se sitúa na bifurcación da traquea. Os voitres, avestruces e algunhas cigoñas non teñen sirinxe. Os pulmóns das aves son case inexpansibles e non teñen alvéolos senón capilares aéreos, que reciben aire fresco tanto durante a inspiración como durante a expiración, xa que gran parte do aire entra directamente nos sacos aéreos e é aproveitado durante a súa expulsión. Estes sacos aéreos esténdense entre varios órganos e penetran en certos ósos. Cumpren ademais a función de favorecer a flotación da ave e de facilitar o arrefriamento do seu corpo durante o voo xa que unha pomba, por exemplo, produce 27 veces máis calor durante o voo que en repouso. A circulación das aves é dobre e completa, con separación de circulación pulmonar e sistémica. Destacan polo seu tamaño as arterias braquiais e pectorais, que van ás ás e ao peito respectivamente. As dúas veas xugulares están conectadas por unha vea transversal para levar o sangue dunha xugular á outra ao xirar a cabeza. O corazón ten catro cavidades, dúas aurículas, situadas anteriormente e de paredes finas, e dous ventrículos, de paredes fortes e musculares. As dúas metades son completamente independentes. O corazón é proporcionalmente máis grande ca nos mamíferos e o seu ritmo é tamén superior, estando inversamente relacionado co tamaño do animal. Así, o pavo ten 93 pulsacións por minuto en repouso, o galo 250 e o ferreiriño 570, dobrándose este número cando están en voo. A tensión sanguínea, sen embargo, é equivalente á dos mamíferos. A capacidade oxifórica, capacidade de transporte de osíxeno, é similar á dos mamíferos. A temperatura do sangue é maior ca a dos mamíferos, arredor dos 40-44°C. As aves posúen dous riles, situados baixo o sinsacro e compostos de nefronas, que son as unidades que filtran o sangue para formar os ouriños. Esta sae á cloaca a través dos uréteres, xa que as aves non teñen vexiga urinaria. A pesar de que os riles das aves son menos eficaces ca os dos mamíferos, estas son capaces de excretar ouriños moitísimo máis concentrados. Isto débese a que as aves excretan a maior parte do seu nitróxeno en forma de ácido úrico, que é pouco soluble e pode cristalizar, sen afectar así á presión osmótica dos ouriños. Este proceso de concentración do ácido úrico e reabsorción da auga dáse na cloaca, onde se forma unha pasta trala mestura con materias fecais. Moitas aves mariñas presentan as chamadas glándulas do sal, situadas entre os dous ollos e que permiten a excreción do sal a altísimas concentracións. Os machos teñen dous testículos que desembocan á cloaca a través dos vasos deferentes e que, na parte final, se engrosan para formar as vesículas seminais. Xeralmente, as aves non teñen pene e os espermatozoides transfírense cando os labios das dúas cloacas entran en contacto. Non obstante , nalgúns casos as paredes da cloaca dos machos aparecen modificadas para formar un pene (anátidas, avestruces, garzas ou flamengos) ou outro tipo de estrutura eréctil de función copulatoria (galo doméstico ou pavo). As femias teñen un só ovario, composto por moitos folículos que conteñen os óvulos. O oviduto comeza xunto ao ovario e forma un funil chamado ostium ou infundibulum, que recolle o ovo tras ser liberado polo ovario. Este óvulo condúcese ao longo do oviduto ata a cloaca por medio de movementos peristálticos e neste percorrido vai provéndose dos distintos estratos que conforman o ovo: a clara, a membrana coclear e a casca. As aves teñen un sistema nervioso e un cerebro complexos. Os sentidos máis desenvolvidos nas aves son a vista e o oído. A visión das aves é a máis precisa do reino animal, e esta diferenza afecta tanto á súa resolución como á súa discriminación de cores. Os ollos das aves son maiores e menos esféricos cós dos outros vertebrados, e ademais nalgunhas especies son inmóbiles, como nas rapaces nocturnas que precisan mover a cabeza para dirixir a mirada. Sempre existe fóvea, que é a zona de maior agudeza visual, podendo ter incluso dúas (rapaces diurnas ou andoriñas). O miñato común ten a maior concentración de células visuais por mm2 na súa fóvea central, xa que estas chegan a 1.000.000. O interior do ollo da ave ten unha estrutura membranosa chamada peite que parece ter a función de eliminación de certos metabolitos. O ollo das aves ten unha terceira pálpebra, chamada membrana nititante, que é transparente. O oído das aves está composto por oído externo, membrana timpánica, oído medio (coa columela) e oído interno (coa coclea). Detectan un menor rango de frecuencias ca os mamíferos pero teñen maior capacidade para detectar variacións na intensidade e o ton ca os homes. Existen especies cavernícolas que posúen órganos de ecolocación similares aos dos morcegos. O tacto, o gusto e o olfato están escasamente desenvolvidos na maior parte das aves. Non obstante , existen determinados grupos que teñen os órganos olfativos máis desenvolvidos, como son os voitres ou o kiwi.

      Alimentación

      As aves eran na súa orixe insectívoras, é dicir, baseaban a súa dieta nos insectos. Posteriormente, foron adaptándose ao consumo doutro tipo de pequenos animais. Hoxe en día podemos atopar unha enorme variabilidade nos tipos de dieta das aves, sen embargo, as dietas exclusivamente vexetais seguen a ser escasas, mentres que as dietas exclusivamente animais son bastante frecuentes. Entre estas son moi comúns as aves eminentemente insectívoras, como as papuxas ou os picafollas, aínda que moitas destas teñen en realidade unha dieta estacional, xa que durante certas épocas do ano -en Galicia xeralmente no outono, inverno ou durante a migración- basean a súa dieta en certas especies de froitos carnosos silvestres, como é o caso do merlo común. Aínda que hai bastantes especies de aves granívoras (que se alimentan de sementes), como o xílgaro, son poucas as especies fruxívoras (que se alimentan de froitos) ou nectarívoras (que se alimentan do néctar das flores, como os colibrís) que non inclúan tamén invertebrados na súa dieta. En Galicia non hai ningunha especie maioritariamente nectarívora, como tampouco hai especies exclusivamente fruxívoras. Tamén hai especies que se alimentan de vertebrados terrestres de pequeno, mediano e gran tamaño: son as rapaces. As aves mariñas, como as gaivotas e corvos mariños; aliméntanse a miúdo de peixes e invertebrados mariños e hai algunhas acuáticas que son micrófagas, é dicir, que filtran a auga e se nutren de pequenos microorganismos, como moitas especies de anátidas. Finalmente, estarían as omnívoras, especies que se alimentan dunha gran variedade de seres vivos, tanto animais como vexetais, e incluso de prea e restos orgánicos. Os mellores expoñentes deste grupo son os córvidos como a pega común. Tamén existen todo tipo de dietas mixtas e moitas das especies teñen gran capacidade para adaptarse a novas dietas, xeralmente como consecuencia da actividade humana, tal e como aconteceu co pardal común ou coa gaivota patiamarela.

      Comportamento social e reprodución:

      As aves son, en xeral, seres moi sociables, cunha tremenda variabilidade no tipo de organización social. A tendencia a vivir en colonias é maior entre as aves mariñas como gaivotas, corvos mariños e araos, que entre aves terrestres, aínda que algunhas destas tamén o fan, caso dos estorniños. No mar hai especies que adoitan vivir soas todo o ano e só se xuntan para a migración e para a cría en colonias da costa, como é o caso dos paíños e dos mascatos. Outras moitas especies, como os frinxílidos (xílgaros ou verderolos) ou os tordos, son territoriais durante a época de cría pero forman grandes bandadas durante o inverno ou na migración. Algunhas poden manter o territorio incluso durante o inverno, outras xúntanse durante o verán en zonas de alimentación a pesar de manter o seu territorio de cría. O merlo común é unha especie que amosa estes dous comportamentos. O dimorfismo sexual é común entre as aves. Normalmente, o sexo máis chamativo é o masculino, dado que a maior parte das veces o feminino acostuma ser o encargado do coidado do niño. Moitas especies, aparentemente monógamas, teñen cópulas fóra da parella, polo que unha mesma polada pode ter distintos pais. Nestas aves, a parella pode ter duracións moi variables, dende un só ano ou estación reprodutora, como o caso da andoriña, varios anos como o merlo, ata toda a vida, como o corvo ou a cegoña branca. As especies polígamas son aquelas nas que un individuo se aparea con varios individuos doutro sexo. Habitualmente, é o macho o que se aparea con varias femias, sendo así o pai de varias poladas, caso da pita do monte. Os ovos adóitanse coidar en niños, pero non son raras as especies que os acomodan no chan como a píldora. A construción do niño pode ser moi sinxela ou tremendamente complexa e os materiais usados son tamén moi variables, dende lama (andoriña común) ou pólas (a maioría das aves galegas, como frinxílidos, rapaces ou córvidos) ata secrecións propias das aves. A femia ten unha zona máis capilarizada e quente no peito (placa incubadora) xa que adoita ser ela a que choca os ovos. Os polos das especies nidífugas poden andar ao nacer (como os patos) pero os doutras moitas nidícolas non teñen plumón e a penas poden moverse (rapaces).

      Evolución e sistemática


      As aves evolucionaron a partir de certos réptiles (dinosaurios saurisquios), como demostrou o fósil de Archaeopteryx litographica atopado en Baviera. Este animal como mínimo planaba e tiña esqueleto reptiliano, pero posuía cranio de ave e plumas. Hoxe en día, a clase das aves divídese en dúas subclases: a subclase dos arqueornitas (aves fósiles) e a subclase dos neornitas (aves modernas). As aves modernas son un grupo moi homoxéneo, debido ás limitacións que impón o voo, polo que son de difícil clasificación. De feito, a pesar do bo coñecemento que se ten deste grupo en xeral, a súa filoxenia e sistemática é moi discutida.

      As aves en Galicia

      Dende o punto de vista bioxeográfico, Galicia está situada na rexión Paleártica, no límite entre a zona Eurosiberiana e a zona Mediterránea. Este feito determina a composición da avifauna galega, que se caracteriza pola mestura de elementos eurosiberianos e mediterráneos. Como consecuencia, son comúns os casos de especies que se atopan no límite da súa distribución no noso país, tanto de especies de distribución mediterránea (por exemplo, o cuco papudo, a papuxa paporrubia ou o lagarteiro buxarelo), como de distribución eurosiberiana (pita do monte). Esta situación de Galicia tamén determina o ciclo anual das aves. Así, a maior parte das aves galegas presenta un período reprodutivo ao ano que comprende a primavera e a metade do verán. Algunhas especies poden ter dúas postas seguidas neste período e outras, como o alavanco e a lavandeira branca intercálanas cun período de repouso. A finais do verán as aves mudan a plumaxe e as especies migratorias comezan a súa viaxe ao sur (rula común). Nesta época tamén aparecen en Galicia multitude de especies que aniñan en Europa e se dirixen ao sur a pasar o inverno (papamoscas negro) e mesmo outras moitas que o pasarán nas nosas terras (garza cinsenta). Tralo inverno comezan a aparecer as aves que van criar cara ao norte ou que quedan aquí para establecer o niño (cegoña branca). Nesta época as aves adquiren a súa plumaxe estival ou reprodutora. En Galicia téñense observado ata o momento 350 especies de aves, das que 152 crían de forma regular no noso territorio, en maior ou menor número. Isto supón o 15% das aves da rexión paleártica e o 60% das que crían na Península Ibérica. Do resto das especies avistadas, 85 considéranse esporádicas,   vistas nunha ou en moi escasas ocasións, normalmente en outono e inverno, moitas delas de procedencia americana. Como se pode ver, o número de especies migratorias e invernantes en Galicia é bastante alto en relación ao número de aniñantes. Esta é unha das características da avifauna galega que, grazas aos seus 1.720 km de costa e á súa abundancia en humidais, principalmente costeiros, recibe anualmente milleiros de aves acuáticas e mariñas en paso ou invernantes. Este feito confírelle unha importancia capital a este grupo de aves, tanto pola súa importancia cuantitativa como cualitativa, xa que algúns destes espacios son claves para a migración e invernada de certas especies a nivel europeo. O grupo de aves mariñas e acuáticas, ademais, está dominado por especies en paso ou invernantes, xa que son poucas as especies que aniñan aquí (seis mariñas, catro anátidas, once limícolas, tres rálidas e unha ardeida). Non obstante , algunhas destas poboacións teñen un alto valor bioxeográfico, debido a que están preto do límite de distribución e en franco retroceso, como é o caso do arao común. Circunstancia similar ofrecen as de montaña. Este grupo, do que forman parte especies tan emblemáticas e escasas como a pita do monte ou a perdiz charrela, atópase restrinxido ás escasas altitudes de Galicia, non existindo de feito unha ornitofauna alpina (de alta montaña). A importancia da presenza destas especies no noso territorio vén dada pola escaseza xeral destes hábitats e o consecuente status vulnerable das súas poboacións. Hai certas especies que están restrinxidas ás áreas de montaña e costa debido ás súas querencias para aniñar, como poden ser a choia biquivermella, o corvo grande ou o cirrio grande. Cómpre mencionar, así mesmo, as aves do bosque, entre as que están os páridos, os petos, o gaio común e as estreliñas, entre outras moitas. Cuantitativamente, as aves que maior representatividade teñen en Galicia como aniñantes son as aves do mato e medio agrícola como o corvo común, a pega común, o xílgaro, a laverca común, as lavandeiras, os tordos, as papuxas e as escribentas, xunto coas aves antropófilas como os pardais, as andoriñas, os cirrios comúns, os estorniños ou as pombas domésticas. Moitas das aves están en declive, ben na súa distribución, ben na súa abundancia, debido á continua deterioración do medio. Non obstante , aínda hai algunhas especies que manteñen as súas poboacións ou están en expansión, debido á influencia humana (pardal común ou gaivota patiamarela) ou a factores ambientais (picaxuncos ou papuxa cabecinegra).

Palabras veciñas

avatar | Avati, Pupi | avdp | 1 ave | AVE | Ave do Paraíso | 2 ave!