axuste
(< xusto)
-
s
m
Acción ou efecto de axustar ou de axustarse.
Ex: Chegaron a un axuste cos salarios. A garrafa de viño está vertendo polo mal axuste do tapón.
-
s
m
[MAT]
Operación estatística que consiste en atopar a lei que resume, do mellor modo posible, a variación dunha variable aleatoria Y en función doutra variable X, da que depende. Faise o axuste a partir de parellas de valores (x, y) obtidos dunha mostra. Deixando de lado o axuste puramente gráfico, habitualmente tómase unha función f(x) e suponse que y = f(x) + ε, onde ε é un residuo aleatorio ou ruído; os parámetros que definen a función son determinados polo método dos mínimos cadrados.
-
s
m
[PSIC]
Tipo de reacción pola que un suxeito fai desaparecer o estímulo que motivou a situación de desequilibrio entre el e o ambiente. Nun sentido amplo emprégase como sinónimo de adaptación.
-
[TECNOL]
-
s
m
Efecto que resulta da operación de axustar dúas pezas entre elas e que depende da súa diferenza de dimensións. Nas pezas montadas (unha delas, o macho, introducida parcialmente ou totalmente na outra, a femia), o axuste é con xogo cando esta diferencia é positiva, isto é, cando a femia é maior ca o macho, e con estreitura no caso contrario. O axuste, segundo sexa con estreitura ou con xogo, será, respectivamente, axuste fixo ou axuste móbil. Segundo a tolerancia admitida e a finalidade do axuste fixo, este será axuste suave, cando as pezas poden montarse simplemente coa man e a montaxe pode desfacerse con facilidade; axuste forte, cando hai que recorrer a ferramentas para realizar estas operacións; axuste forzado ou a presión, cando hai que utilizar unha prensa; axuste a compresión, cando a unión entre as pezas macho e femia ha de ser tan forte que cómpre facela quentando esta para dilatala, ou ben arrefecendo aquel para contraelo, co que resulta, nos dous casos, un axuste difícil de desfacer. O axuste móbil chámase axuste esvarante se permite un desprazamento axial entre as pezas e axuste rodante se posibilita entre estas un movemento de rotación.
-
sistema de axuste por árbore normal
Conxunto sistemático de axustes no que os diferentes xogos ou estreituras se obteñen referindo as diversas colocacións a unha árbore determinada.
-
sistema de axuste por colocación normal
Conxunto sistemático de axustes no que os diferentes xogos ou estreituras se obteñen referindo as diversas árbores a unha colocación determinada.
-
s
m
-
s
m
[TECNOL]
Conxunto de operacións que realiza o axustador. As operacións de axuste poden ser clasificadas en operacións de trazado, de desbaste e de modelado, de acabado e mais de medida e verificación. As operacións de trazado teñen por obxecto debuxar sobre o material de partida ou na peza de fundición a forma que se quere obter, sinalando as superficies límite e marcando os eixes ou os centros xeométricos, ou ambos os dous. Nestas operacións, o axustador utiliza fundamentalmente instrumentos que lle proporcionan superficies de referencia: platina, tenaces e nivel; instrumentos que lle permiten trazar liñas: lapis, gramil, compás de puntas, regra e modelo; instrumentos para obter ángulos determinados: escuadro, falso escuadro, goniómetro, divisor; xunto con instrumentos que lle permiten marcar de forma indeleble puntos das liñas ou centros. Ademais, emprega instrumentos de medida. As operacións de desbaste e de modelado dan a forma fundamental á peza. As operacións de acabado deixan a peza na súa forma definitiva. Nestas operacións, o axustador emprega a lima ou a tea de esmeril para afinar as partes que precisen ser rebaixadas; o brunidor manual ou mecánico para darlle á superficie das pezas un acabado que mellore as súas características; e o mandril, para repasar os furados e deixalos centrados, coas súas medidas precisas. As operacións de medida e verificación obteñen información sobre a adecuación entre a forma e as medidas da peza e o lugar onde vai ser colocada. O axustador utiliza, entre outros instrumentos, a cinta métrica, o calibrador, a galga, o pé de rei, o micrómetro e os comparadores.
-
axuste de cor
[INFORM]
Proceso que se efectúa por medio da calibración dos diferentes sistemas de representación de cores, que inclúen diversas aplicacións gravadas nun mesmo equipo ou rede. Ten como obxectivo a unificación de parámetros para conseguir que, seleccionando unha mesma cor en todas as aplicacións, os documentos impresos ou virtuais que se obteñen ao traballar con cada unha delas sexan idénticos.
-
axuste estrutural
[ECON]
Política económica de reformas dos desequilibrios dunha economía, dun sector ou dunha variable macroeconómica, producidos polo crecemento, os cambios na demanda e as irregularidades concorrentes. Os organismos internacionais (FMI, OCDE, BIRD, BERD) son os seus promotores e cooperadores.
-
axuste retardado da oferta
[ECON]
Desfase temporal da produción ocasionado pola imposibilidade técnica de adaptarse automaticamente á nova situación provocada por un aumento ou diminución do prezo.
-
teoría dos axustes automáticos
[ECON]
Teoría pola que calquera perturbación que desequilibre o sistema económico provoca unha reacción automática no mesmo sistema, que o leva a unha situación na que novamente tende ao equilibrio. A teoría ten o seu máximo expoñente na lei de Say, segundo a que, a oferta crea a súa propia demanda. Esta teoría foi amplamente desmentida pola realidade: crises económicas, desemprego crónico e outros problemas.
Frases feitas
-
Axuste de contas. Vinganza ou represalia que se toma por algún motivo anterior.