Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena de Galicia

Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena de Galicia

Organización fundada en Santiago de Compostela en 1985 co nome de Asociación de Actores de Galicia. Está presidida por Mabel Rivera e integrada ademais por Gonzalo Uriarte, o seu primeiro presidente, Vicente Montoto, Lino Braxe, Casilda García, Xosé A. Porto Josito, Avelino González, Celso Parada e Cándido Pazó. Se a creación en 1984 do Centro Dramático Galego supuxo o recoñecemento institucional da actividade teatral e dos oficios teatrais propios da realización e da produción teatral, coa posta en marcha de asociacións sectoriais iniciouse un longo período de traballo na procura do recoñecemento e da lexitimación social e profesional dos traballadores da escena. A asociación desenvolve actividades moi diversas, desde aquelas orientadas á defensa dos dereitos profesionais dos seus asociados ou á promoción de melloras no exercicio profesional, ata a organización dun importante número de cursos de formación e reciclaxe, en colaboración co Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais. Tamén hai que destacar o documento “Necesidade dunha política teatral” presentado, aprobado e publicado en 1990. Neste informe preséntase un ambicioso plan de actuacións para potenciar o desenvolvemento, implantación e normalización da actividade teatral en Galicia; ademais recolle interesantes propostas no eido da formación, produción e exhibición. Nesa mesma liña de fomento do estudio, de análise ou de debate arredor do feito teatral, esta institución ten participado ou colaborado activamente con outras entidades e asociacións que perseguen obxectivos semellantes. En 1997 comezou a editar a revista Escaramuza e, en colaboración co Concello da Coruña, convocou a primeira edición dos Premios María Casares de Teatro, que se entregan anualmente arredor do 27 de marzo coincidindo coa celebración do Día Internacional do Teatro.