Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega
Fundouse en xuño de 1905 na Habana co obxectivo de financiar e apoiar a creación dunha Academia Gallega. En 1905 publicouse nos xornais da illa de Cuba un artigo de Manuel Murguía no que incitaba á fundación da Real Academia Gallega, co fin de evitar a desaparición do idioma galego, e que esta se encargase da elaboración dun dicionario e dunha gramática. Tal iniciativa foi acollida con aceptación por parte das asociacións e galeguistas da illa, especialmente Manuel Curros Enríquez e Xosé Fontenla Leal. Ao mesmo tempo traballaba dende América na recuperación da cultura galega recollendo cantos e tradicións populares, e contemplando no seu regulamento a creación de tres seccións culturais dentro da asociación (Historia, Literatura e Belas Artes, e Ciencias). A achega da asociación cubana foi tan importante que, en outubro de 1905, se formalizou a constitución da Real Academia Gallega, con sede na cidade da Coruña. Na súa declaración estatutaria, a asociación declaraba non ter ideoloxía política nin relixiosa. Aínda así, a súa orientación era claramente rexionalista: fomento da cultura galega por medio do seu idioma na procura dunha personalidade cultural propia e firme. No seu seo formáronse toda unha serie de personaxes da elite galeguista como Ramón Cabanillas, Mercedes Bieito Bouza, Ramón Marcote, Roberto Blanco Torres ou Antón Villar Ponte. Esta asociación cubana xogou un papel case que exclusivamente financiador das actividades da Academia Gallega, alimentándose das cotas dos socios e da organización de festivais galegos. Foi practicamente a única institución que sostiña a Real Academia ata 1914; dende esta data uníronselle outras institucións, á parte das cubanas como a Deputación Provincial da Coruña que comezou a satisfacer unha cota trimestral. A partir de 1916 o Centro Gallego da Habana ofrecía 1.500 pesetas anuais, froito dunha subscrición iniciada polos seus socios. Contra 1919 a achega da Asociación Iniciadora constituía un terzo do total recadado, produto da suma doutras institucións que se adheriron ao proxecto que contaba con importantes apoios na illa de Cuba. En 1917 o número de socios ascendía a 833 (374 só na Habana); adscricibíronse 5 sociedades de emigrantes galegos: Alianza Aresana, Club Compostelano, Ferrol y su Comarca, Unión Mañonesa e Sociedad Valle de Lemos. Tamén contaba co apoio das revistas galegas da illa, especialmente Suevia e Galicia. Paseniñamente, a asociación foi perdendo a influencia que antes posuía. A concepción moderada do seu rexionalismo, non concordaba co salto dado pola intelectualidade galeguista cara ao nacionalismo a partir de 1918. Así foi como despois de 1920, a asociación cubana perdeu a súa importancia político-cultural, ao mesmo tempo eclipsada polo dinamismo da Asociación Protectora Buenos Aires de la Real Academia Gallega. A súa presenza esvaeceu case que sen deixar pegada: no 1923 tan só contaba con 190 socios e apenas ningunha sociedade adherida. Finalmente, a crise bancaria cubana de 1923-1925, atrancou a posibilidade de enviar remesas de cartos cara á Real Academia Gallega, obxectivo co que fora constituída.