baloncesto
(< balón + cesto)
Deporte de oposición que se disputa entre equipos de cinco xogadores que teñen como obxectivo a introdución dun balón de entre 75 e 78 cm de circunferencia nunha canastra defendida polo equipo contrario. A Federación Internacional de Baloncesto (FIBA) establece as regras do xogo. Nos EE UU a Asociación Nacional de Baloncesto (NBA) desenvolve a súa competición con regras propias, que difiren das da FIBA en aspectos como a duración dos partidos, o tempo de posesión do balón do que dispoñen os equipos en cada xogada de ataque, limitacións no emprego de determinados sistemas defensivos, distancia da liña de tres puntos, número de árbitros, etc. O terreo de xogo é de chan duro e libre de obstáculos. As canastras, situadas no centro das dúas bandas máis curtas, están constituídas por un círculo metálico do que colga unha rede aberta pola parte inferior; cada canastra vai fixada a un taboleiro de forma rectangular, sostido por un soporte situado fóra do terreo de xogo e que a mantén a unha altura de 3,05 m do chan. Cada vez que un equipo introduce o balón na canastra do rival outórganselle dous puntos, excepto se a acción é consecuencia dun lanzamento libre, que vale un punto, ou dun lanzamento desde máis alá da liña de 6,25 m (7 m na NBA), que vale tres puntos. Pódese tocar o balón coas mans, pero se se ten agarrado, non está permitido camiñar ou correr máis de dous pasos: para avanzar hai que botalo ou pasarllo a un compañeiro. Cada equipo pode dispor durante un partido de doce xogadores, que se van alternando segundo o criterio do adestrador, sen máis limitacións que a de manter sempre cinco no terreo de xogo. Os xogadores asumen dentro do equipo distintas funcións en virtude das súas calidades físicas e técnicas: o base é o director do xogo, ao seu lado sitúanse os aleiros, especialistas en lanzamentos exteriores, mentres que as posicións máis próximas á canastra están ocupadas polos pivotes, os xogadores de maior envergadura. As esixencias da evolución do xogo provocaron a aparición de novas tipoloxías de xogadores caracterizados pola súa maior polivalencia: o escolta, xogador que pode desenvolver as funcións de base e de aleiro, e o ala-pivote, xogador que ocupa unha posición intermedia entre as zonas interiores e exteriores ao taboleiro. O baloncesto inventouno en 1891 James A. Naismith, profesor de cultura física da YMCA Training School de Springfield, Massachussetts, EE UU, na procura dun xogo que os seus alumnos puidesen practicar no ximnasio durante o inverno. Naismith analizara os deportes que se practicaban entón, nos que predominaba a forza ou o contacto físico, e pensou en algo que requirise máis destreza ca forza e que non tivese tanto contacto físico. Usando unhas cestas de pexegos, algo máis abertas por arriba ca por abaixo, colgadas da tribuna superior que rodeaba o ximnasio (a 3,05 m do chan) e cun balón de fútbol, Naismith creou un novo deporte. Inicialmente e debido a que tiña 18 alumnos cada equipo constou de 9 xogadores, que se reduciron en primeiro lugar a 7, para chegar posteriormente aos 5 xogadores actuais. O xogo gustou e axiña se popularizou nos EE UU. Por motivos xeográficos, o primeiro país no que se deu a coñecer foi México. A Europa chegou por medio das sedes da YMCA, sendo París a primeira cidade do Vello Continente onde se ensinou e practicou o deporte americano. O verdadeiro impulso deste novo deporte en Europa chegou a raíz da Primeira Guerra Mundial, pola presenza de soldados americanos. Nos EE UU dispútanse os campionatos profesionais da NBA (masculino) e WNBA (feminino). Ata mediados da década de 1980 eran os únicos que tiñan consideración de campionatos profesionais. Dende aquela, os equipos de elite dos países da Europa occidental (Italia, Francia, España) foron acadando un grao de profesionalización que deixou en evidencia o seu suposto carácter amateur. O baloncesto foi deporte de exhibición nos Xogos Olímpicos de 1928 e Los Ángeles 1932 ata que se incorporou ao programa oficial olímpico en Berlín 1936; as mulleres tiveron que esperar ata os Xogos de 1976, en Montreal. Malia a prohibición de participaren xogadores profesionais nos campionatos internacionais celebrados baixo os auspicios da FIBA, vixente ata mediados da década de 1980, os equipos estadounidenses foron os grandes dominadores deste deporte na categoría masculina. Acadaron a medalla de ouro en todas as convocatorias olímpicas, agás en Múnic 1972, cando perderon na final fronte á Unión Soviética, Moscova 1980, xogos que o goberno dos EE UU boicoteou por culpa da invasión soviética do Afganistán e que remataron co triunfo de Iugoslavia, e en Seúl 1988, nos que o equipo dos EE UU obtivo a medalla de bronce, mentres balcánicos e soviéticos disputaron a final, co triunfo destes últimos. A partir dese feito, o comité olímpico dos EE UU tomou a decisión de convocar xogadores profesionais para os seguintes campionatos olímpicos e mundiais co que foron vencedores nos Xogos de Barcelona 1992 e Atlanta 1996. Na categoría feminina, pola contra, a Unión Soviética foi quen de vencer nas dúas primeiras competicións olímpicas, Montreal 1976 e Moscova 1980. Ademais dos Xogos Olímpicos, dispútanse cada catro anos os Campionatos do Mundo. En 1986 disputáronse en España, sendo Ferrol unha das sedes. O baloncesto chegou a España en 1922 da man do padre escolapio Eusebio Millán, que estivera dez anos como misioneiro en Cuba, onde coñeceu este deporte, introducido na illa caribeña polos soldados estadounidenses que a invadiran en 1906. O padre Millán implantou o novo deporte no Col·legi de Sant Antoni, en Barcelona, e posteriormente fundou o primeiro club español de baloncesto, o Laietá Basket Club. Non obstante , o baloncesto hispano estaba demasiado illado do resto do mundo como para progresar e só se practicaba de forma moi rudimentaria en campos de fútbol e na modalidade de 7 contra 7. En 1927, a visita dun club arxentino para xogar contra a selección española (á que derrotou por 16-50) supuxo unha auténtica revolución, pasándose ao xogo de 5 contra 5, e en canchas de medidas regulamentarias. Buscouse documentación no estranxeiro e investigouse sobre as técnicas e tácticas deste deporte que comezaba a destacar en boa parte do mundo. A federación española creouse en 1943. O baloncesto arraigou de tal xeito que mesmo a creación da Copa de Europa de clubs na década de 1960 débese ás xestións de Raimundo Saporta, membro da FIBA e directivo do Real Madrid. O club madrileño acadou dende entón un total de 8 Copas de Europa (ou Ligas Europeas), a última delas en 1995. Xunto ao Real Madrid destaca o labor do histórico Joventut de Badalona, tamén Campión de Europa nunha ocasión (1994). Canda eles o FC Barcelona foi quen de acadar en varias ocasións a final da máxima competición continental. O Godella valenciano acadou o título europeo na categoría feminina. Noutras competicións menores tamén houbo en varias ocasións vencedores españois. Ademais dos triunfos dos clubs masculinos citados na Copa Saporta (Recopa) ou na Copa Korac, hai que engadir os títulos do Baskonia de Gasteiz na Recopa e do Sandra Gran Canaria na Copa Liliana Ronchetti, en categoría feminina. A nivel de selección, España acadou a medalla de prata no Eurobasket do 1973, disputado en España, no que foi quen de impoñerse na semifinal á selección soviética. Nos mundiais do seguinte ano, España acadou a quinta praza, co que o seu desembarco entre a elite, sobre todo a nivel europeo, onde competía coa URSS, Iugoslavia ou Italia, parecía consolidarse. Pero o auténtico lanzamento da selección española chegou na década de 1980, de mans do adestrador Antonio Díaz Miguel. España foi semifinalista no Mundial de Colombia 1982, campionato no que por vez primeira o equipo español acadaba a vitoria nun partido oficial fronte aos EE UU, e obtivo as medallas de prata do Europeo do 1983 e dos Xogos Olímpicos de Los Ángeles 1984. Tras esta etapa de éxitos, na década de 1990, a selección española pareceu entrar nunha fase de declive. Pola contra as mulleres fixeron historia ao alcanzar por primeira vez o título de campionas de Europa en 1993. En 1999, a selección española júnior masculina proclamouse campioa do mundo da súa categoría. O maior logro dun xogador galego de baloncesto foi a medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Los Ángeles acadada por Fernando Romay, xogador do Real Madrid, equipo no que sumou diversos títulos continentais, ademais dos de campión de Liga ou Copa do Rei. A nivel de clubs a década de 1980 foi a auténtica idade de ouro do baloncesto masculino galego. Breogán de Lugo, OAR Ferrol e C. B. Ourense disputaron nas décadas de 1980 e 1990 a liga ACB. O Obradoiro de Santiago de Compostela tamén acadou o ascenso á máxima categoría a principios da década de 1980, disputando a Liga de división de honra na tempada 1982-1983. O club compostelán rematou a súa existencia dúas tempadas despois ao ser excluído pola federación, logo de acadar de novo o ascenso, nunha decisión que posteriormente os tribunais de xustiza condenaron. Os máximos logros do baloncesto galego teñen chegado da categoría feminina. Con distintas denominacións, equipos da Coruña, Vigo, Lugo e Vilagarcía de Arousa, participaron e participan na división de honra española. A senda dos triunfos abriuna o Medina da Coruña, Campión da Liga na tempada 1965-1966. Na tempada seguinte, 1966-1967, clasificouse na segunda posición empatado a puntos co campión. A súa época dourada prolongouse ata o principio da década seguinte, volvendo a ser Subcampión de Liga na tempada 1968-1969. Non obstante , o club que obtivo os maiores éxitos foi o Celta de Vigo, que se converteu, na tempada 1973-1974, na revelación da competición ao proclamarse Subcampión de Liga, inaugurando unha época de presenza case que ininterrumpida na loita polos títulos nacionais e nas competicións europeas. Sumou varios títulos para Galicia, entre eles, cinco Campionatos de Liga (acadados nas tempadas 1976-1977, 1978-1979, 1981-1982, 1998-1999 e 1999-2000) e tres Campionatos de Copa da Raíña (1980-1981, 1981-1982 e 1983-1984).