balonmán

balonmán

(< balón + man)

s m [DEP]

Deporte de oposición que se disputa entre dous equipos de sete xogadores que teñen como obxectivo introducir un balón no interior dunha portería defendida polo equipo contrario. O terreo de xogo é un rectángulo de 40 m de longo por 20 m de ancho. No centro dos lados máis curtos sitúanse as porterías, de 3 m de ancho por 2 m de alto. A unha distancia de 6 m da portería trázase unha liña que delimita a superficie da área de portería, espazo que só está autorizado a ocupar o xogador que actúa como porteiro. Os xogadores poden tocar o balón con calquera parte do corpo agás cos pés ou coas pernas por debaixo dos xeonllos; só o porteiro, no interior da súa área de portería, pode tocar o balón cos pés en accións defensivas. Permíteselles aos xogadores camiñar co balón agarrado un máximo de tres pasos e mantelo no seu poder un máximo de tres segundos; despois deberán botar o balón, pasalo ou lanzalo á portería. As dimensións do balón oscilan entre os 54-56 cm de circunferencia para as mulleres e os 58-60 cm para os homes. Dous árbitros, auxiliados por un anotador e un cronometrador, son os responsables da dirección do partido. Segundo a posición que ocupan no terreo de xogo, no balonmán moderno os xogadores distribúense, tanto en ataque como en defensa, en primeira liña e segunda liña, en relación de proximidade respecto da súa propia portería. Deste xeito, e calquera que sexa o sistema defensivo empregado, serán de primeira liña os defensores centrais e os laterais, mentres que a segunda liña serán os defensores exteriores e, en defensas abertas, o avanzado. En ataque, fálase en principio dunha primeira liña de central e laterais e dunha segunda liña de extremos e pivote ou pivotes, ben que o dinamismo e a permuta de posicións no transcurso dunha xogada de ataque é un dos trazos característicos do balonmán evolucionado. As orixes do balonmán datan de finais do s XIX, cando se utilizaba como complemento para o adestramento dos ximnastas. En 1892, un profesor de ximnasia, Konrad Koch, creou o Raffballspied, xogo con características moi parecidas ao actual balonmán. Foi nun instituto de ensino medio de Dinamarca onde outro profesor, Holger Nielsen, en 1898, introduciu un novo xogo cun balón pequeno, ao que chamou haandbol. Tratábase de meter goles nunha portería, de xeito semellante ao fútbol, pero manexando o balón coas mans. En 1907 un profesor de Educación Física, Max Heiser, xogaba coas súas alumnas nunha das principais avenidas de Berlín. Este xogo chamábase torball e baseábase noutros xogos parecidos. Dous anos máis tarde, un compatriota de Heiser, Karl Schelenz, inventou un deporte bautizado co nome de handball, inspirado principalmente no fútbol. As regras eran idénticas, coa diferenza de que se xogaba coas mans. Cada equipo estaba composto por 11 xogadores e practicábase sobre un campo de fútbol. Ao finalizar a Segunda Guerra Mundial, asentouse definitivamente este xogo en Europa, sobre todo en Alemaña, onde practicamente se converteu no deporte nacional. Tamén Uruguai reivindica a paternidade do balonmán porque alí comezou a ser coñecido un xogo moi parecido ao actual. A Federación Internacional de Balonmán (IHF) fundada en 1946, é a responsable das regras do xogo e das competicións internacionais. O balonmán foi deporte de exhibición nos Xogos Olímpicos de 1936 e incorporouse ao programa oficial en Múnic 1972 e en categoría feminina en Montreal 1976. Malia practicarse en todos os continentes, os equipos europeos manteñen a hexemonía mundial. Os países nórdicos (principalmente Suecia e, en menor medida, Dinamarca, Islandia e Noruega), os balcánicos (Iugoslavia e Croacia) e os do antigo bloque soviético (Rusia, Alemaña, Hungría e Romanía) xunto a Francia e España, repártense case sempre as medallas olímpicas e mundiais. No resto dos continentes destacan os países do N de África (Alxeria, Tunicia ou Exipto) e Corea do Sur, que foi quen de acadar as medallas de ouro e de prata nas categorías feminina e masculina, respectivamente, nos Xogos Olímpicos de Seúl 1988 e en categoría feminina a prata en Los Ángeles 1984 e Barcelona 1992. En América, os países de maior tradición son Cuba e Brasil, mentres que as participacións dos equipos de Oceanía nos campionatos internacionais sempre foron anecdóticas. A Unión Soviética cos títulos olímpicos masculinos obtidos en Montreal 1976, Seúl 1988 e Barcelona 1992 (como Equipo Unificado), e os femininos de Montreal 1976 e Moscova 1980 foi o mellor equipo do mundo ata a súa disolución. Só o balonmán balcánico, coas medallas de ouro masculinas de Iugoslavia en Múnic 1972 e Los Ángeles 1984 (desta xeira tamén feminina) e a de Croacia en Atlanta 1996, pódese equiparar ao soviético. Os outros títulos olímpicos corresponden en categoría masculina á República Democrática Alemana (Moscova 1980) e en categoría feminina a Noruega (Barcelona 1992 e Atlanta 1996). Na década de 1990 o equipo masculino sueco acadou varios títulos de Campión do Mundo e de Europa, pero pola contra non puido pasar da medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Barcelona 1992 e Atlanta 1996. Inicialmente, en España deuse a coñecer o balonmán a once, pero finalmente impúxose o balonmán a sete, con salas cubertas como escenario principal. A Academia Militar de Toledo foi o lugar onde se elaboraron os primeiros rudimentos teóricos do balonmán español. En 1928 está documentada a práctica do balonmán no Regimiento Alcántara en Barcelona. A primeira normativa oficial que se coñece en España data de 1929 e está asinada polo capitán Hermosa. Este documento formalizouse dez anos máis tarde na Escola Central de Educación Física de Toledo. A Federación Española de Balonmán fundouse en 1941. Na tempada 1942-1943, organizouse o primeiro Campionato de España, no que o SEU (Sindicato Español Universitario) de Valladolid conseguiu o primeiro título do balonmán hispano. Nese ano a Federación Española editou a tradución ao castelán das regras do xogo e a selección española disputou o seu primeiro encontro internacional no estadio de Les Corts, en Barcelona, en modalidade a once, vencendo o combinado nacional francés. Tres anos despois España disputou por primeira vez un Campionato do Mundo, en Suíza, onde venceu a Portugal e perdeu fronte a Austria e Suecia. O ano 1951 marca o despegue da Primeira División Nacional de balonmán a sete, na que se proclamou campión o Atlético de Madrid. Tamén comezou a disputarse a Liga Nacional Feminina, co triunfo da Sección Femenina de Madrid. O balonmán a sete hispano debutou internacionalmente cunha derrota fronte a Suecia (23-12). No ano 1958 naceu a División de Honra de balonmán a sete masculino, substituíndo a Primeira División, competición na que se impuxo o Bm Granollers. Por outra banda, nese mesmo ano, a selección española, dirixida por Domingo Bárcenas, interveu por primeira vez por acceso directo nun Mundial, disputado na RDA. O balonmán feminino español tivo a súa primeira cita internacional en Bilbao no ano 1967; en 1977 conseguiu praza nun campionato mundial B, proeza superada once anos despois coa clasificación para o seu primeiro campionato europeo. A explosión a nivel internacional chegou para os da selección masculina, dirixida por Bárcenas, no ano 1979, co título de campións dun Mundial B e a consecución dunha praza para os Xogos Olímpicos de Moscova 1980. A progresión de España no concerto mundial levouna a figurar na década de 1990 entre os mellores equipos do mundo. Esta escalada, lograda da man de Juan de Dios Román Seco, vén avalada polos dous subcampionatos de Europa acadados (España 1996 e Italia 1998) e pola medalla de bronce nos Xogos Olímpicos de Atlanta 1996, confirmada coa cuarta praza lograda no Mundial de Exipto 1999 e a medalla de bronce no Campionato de Europa de Croacia 2000. A nivel de clubs, os equipos españois convertéronse tamén nesta década nos grandes dominadores no concerto continental (24 títulos masculinos). Foi o histórico Bm Granollers o que abriu a porta dos triunfos en Europa coa conquista de primeira Recopa para un equipo español. O F C Barcelona, considerado o mellor equipo da década, acadou o triunfo en 6 edicións da Copa de Europa baixo a batuta de Valero Rivera, que conta con máis de cincuenta títulos no seu palmarés. Tamén no apartado feminino, o balonmán español deu un paso xigantesco, co título continental logrado polo club valenciano de L’Eliana, que venceu na Copa de Europa na tempada 1997-1998. Ao igual ca no resto do estado español, o balonmán chegou a Galicia de mans das esferas militares. Na Escola Naval de Ferrol foi practicado polos seus cadetes e alumnos. Pero a auténtica eclosión do balonmán en Galicia chegou ao remate da década de 1960, coa súa inclusión como práctica habitual nos colexios dirixidos por relixiosos. Será precisamente en 1969 cando o primeiro equipo galego acade a máxima categoría, o Vulcano de Vigo. Despois chegaría a S D Teucro de Pontevedra (1973). Pero foi a década de 1990 o auténtico punto de inflexión para o balonmán galego, coa presenza de ata catro representantes (S D Teucro, Academia Octavio, Balonmán Cangas e S D Chapela) na máxima categoría masculina e outro na División de Honra feminina (Bm. Porriño). O Academia Octavio de Vigo e a S D Teucro de Pontevedra contan ademais co privilexio de ser os dous primeiros equipos galegos en tomar parte nunha competición europea. O Caixapontevedra Teucro acadou a clasificación para a Copa EHF da tempada 1995-1996, tras clasificarse en cuarto lugar no campionato de Liga anterior. O equipo pontevedrés caeu na primeira eliminatoria fronte ao Letromos de Hungría. Pola súa banda, o Academia Octavio de Vigo foi quen de entrar en competición europea en tres ocasións. Logo de proclamarse subcampións da Copa do Rei no ano 1995, tras perder na final diante do G D TEKA de Santander, os galegos disputaron na campaña 1995-1996 a Recopa de Europa, onde o Kiel alemán os apartou da competición nos oitavos de final. Na campaña 1996-1997 foron eliminados nas semifinais da Copa EHF polo Virum Sorgenfri danés. A última incursión europea dos vigueses, e tamén dun equipo galego, remóntase á Copa City na tempada 1997-1998, onde caeron fronte ao Skovde sueco, tamén nas semifinais. A selección galega masculina estreouse, dirixida por Alejandro López, cun partido disputado fronte á selección portuguesa no pavillón das Travesas de Vigo co gallo do décimo aniversario da Federación Galega, no nadal de 1994; o partido concluíu en empate. Por outra parte, Galicia tamén puido presumir de ser o epicentro do balonmán mundial no ano 1989, cando organizou o Campionato do Mundo de categoría júnior. A selección da Unión Soviética, na que xogaba o kirguiz posteriormente nacionalizado español Talant Dushebaiev, foi quen de alzarse co máximo galardón. Os soviéticos impuxéronse na final dese campionato, disputada no pavillón municipal de Pontevedra, á selección española.

Palabras veciñas

Balón, El | baloncesto | Balonga | balonmán | Balonmán Galego | balonvolea | baloqueiro -ra