Banco Espírito Santo
Entidade bancaria con sede social en Lisboa fundada o 9 de novembro de 1880 por José Maria Espírito Santo Silva, a partir dunha oficina de cambios, reconvertida en banco en 1884. A fusión en 1937 co Banco Comercial de Lisboa creou o grupo Banco Espírito Santo e Comercial de Lisboa; a partir dese momento iniciou unha fase expansiva adquirindo participacións en sectores claves da economía portuguesa. En 1973 iniciou un proceso de internacionalización que o levou a abrir unha oficina de representación en París. Esta internacionalización acelerouse en 1974, cando a Revolução dos Cravos principiou unha política nacionalizadora, que o levou a organizar as súas actividades dende diferentes países como Brasil, EE UU, Suíza ou Francia. A partir de 1986 reiniciou a súa actividade en Portugal coa creación do Banco Internacional de Crédito e de Espírito Santo Sociedade de Investimento, que máis tarde se converteu en Banco ESSI. O retorno definitivo a Portugal produciuse en 1992, cando o grupo adquiriu a través do mecanismo de privatizacións o Banco Espírito Santo e Comercial de Lisboa, que se converte na cabeza dun grupo financeiro (Espírito Santo International Holding) composto por unidades operativas de negocio. As actividades do banco están orientadas cara ao mundo empresarial e aos particulares.