Banco Internacional de Cooperación Económica
Entidade bancaria constituída no ano 1963 coa finalidade principal de facilitar o comercio entre os países socialistas. O capital do banco estaba formado polas achegas dos países fundadores, entre os que se contan: Unión Soviética, a República Democrática Alemana, Checoslovaquia, Polonia, Hungría, Bulgaria, Romanía e Mongolia, aos cales se adheriron Cuba (1974) e Vietnam (1977). Antes da súa existencia, este comercio organizábase mediante acordos bilaterais, de xeito que cada parte entregaba o mesmo que recibía. A rixidez deste sistema fixo que xa dende 1957 se procurase establecer un sistema de cambios multilaterais no que tan só as importacións totais de cada país igualarían as exportacións totais. Dese xeito, creouse unha oficina de compensación en Moscova de escaso resultado práctico. A creación do BIEC supuxo un novo intento de aplicación sistemática das relacións multilaterais. Cando un país exporta, o banco abona o importe na súa conta e cárgao na conta do país importador. O único problema de cada país sería, en teoría, manter as súas contas equilibradas, aínda que se admitisen lixeiros desaxustes. Non obstante , o bilateralismo continuou predominando e as compensacións representaban unha parte moi pequena dos pagamentos totais. Ademais destas funcións, o banco concedía créditos a empresas e efectuaba operacións con reservas e moedas convertibles. A unidade de conta era o rublo transferible, que non era convertible nin en ouro nin en divisas occidentais.