Banda de Música Municipal de Celanova
A primeira referencia desta agrupación musical remóntase ao ano 1849 cando un grupo de persoas ligadas á histórica tradición musical de Celanova, marcada inicialmente pola historia musical do propio mosteiro, comezou a traballar en conxunto para crear unha agrupación musical permanente. Así, ao longo de 1849, mantiveron diversos contactos co alcalde, Xosé Benito Reza, que deron como froito a consolidación da banda na primavera de 1850, baixo a dirección de Manuel Chamuchín. Esta primeira etapa definiuse polas súas continuas aparicións e desaparicións provocadas por problemas económicos do concello, unhas veces, e por problemas internos, outras. Chamuchín permaneceu na dirección ata xuño de 1853; a partir de aquí a banda foi dirixida por Xenaro Durán Camilo Burdeos e Hixinio Gil, Ramón Prieto, Manuel Sánchez e Manuel Asensio Armada, respectivamente. En 1865 a agrupación musical contaba con 15 compoñentes aproximadamente. En 1908 reorganizouse da man de Xosé Sánchez e constituíronse os alicerces definitivos do que hoxe en día é a actual Banda de Música Municipal de Celanova. O título oficial de Banda Municipal foille concedido no ano 1928, tendo nese momento unha vintena de músicos. Á raíz da municipalización, o concello creou a Escola de Música (1929) e o novo director foi Anastasio Hernández Adueza, sucedido posteriormente por Luis Berney, Baristain Pulpeiro, Jesús López, Antonio Domínguez, Eulogio Masid, José Zaldo, Antonio Cuevas, Miguel de Santiago, Alfonso Salvatierra, Alejandro del Río, Arsenio Alonso Araújo e de novo José Zaldo, quen a dirixe dende 1995. O colectivo conta na actualidade con máis de 70 compoñentes que se distribúen na propia Banda Municipal e na Agrupación Musical San Rosendo, que serve de viveiro para garantir o futuro da Banda.