Banda de Música La Lira de Ribadavia

Banda de Música La Lira de Ribadavia

Agrupación musical documentada polo franciscano Samuel Eiján que se ocupou dela na súa Historia, publicada a comezos do s XX. Nos arquivos do Museo Diocesano de Ourense hai datos dos inicios desta banda do Ribeiro, da que figura o ano 1840 como punto de arranque, e que aínda hoxe existe. A Ribadavia chegou o artista toscano Veneroni que, despois de actuar na localidade cunha compañía de cómicos, optou por quedar na vila exercendo o ensino da música. Organizou unha sociedade filharmónica, destinada á formación da xuventude, dando facilidades económicas aos fillos das familias menos protexidas. Anos máis tarde, cando xa a organización ía en marcha, o concello de Ribadavia, en sesión celebrada o día 9.6.1850, tomou o acordo de prestar todo o apoio necesario para que ninguén, por falta de medios, se vise privado de ser músico. Nunha segunda sesión celebrada o día 13.10.1850, o concello facilitou o local de ensaio na escola de nenos de Santo Domingo. No 1894, data na que a banda tomou o nome de La Lira de Ribadavia, xurdiron problemas que a levaron á escisión, aínda que non tardaron en resolverse e a banda volveu á normalidade. Entre os nomes vencellados á dirección desta banda destacan Luis de Nesoné, Timoteo L. Cartavio, Benigno Pousa, Antonio Freijido, Francisco Sánchez, Etelvino G. Sieiro, Álvaro Soto, José Serrano, Adolfo Campo, Camilo Veiga, Luis Brage, Moisés Espinosa, Manuel V. Gregorio, Alfonso Salvatierra Mesa e, de novo, Gregorio.