Banda de Música de Vilanova dos Infantes

Banda de Música de Vilanova dos Infantes

No ano 1860, dúas charangas da vila uníronse formando unha banda de música con, aproximadamente, uns trinta compoñentes, dirixidos por Camilo Pérez Pérez. A partir de aquí, unha serie de directores enriqueceron o colectivo, non só coa achega directora senón con importantes composicións que hoxe son intrepretadas por outras bandas galegas, como poden ser a muiñeira O por do sol, de Bernardo Cortés ou o pasodobre Los siete infantes, de Jesús Vázquez. No ano 1982 chegou a Vilanova dos Infantes o que fora director da Banda de Música de Aviación de Madrid, Benito de las Cuevas López, quen lle imprimiu un selo moi persoal, incorporando novos temas ao repertorio da banda, con pezas como Galaico ou Aromas de Vilanova dos Infantes. Dende abril de 1991, exerceu a súa dirección Hermelindo Gómez Rodríguez, formado en La Lira de Ribadavia. Actualmente está constituída por 35 músicos, e nos últimos anos foi dirixida por Sergio Perelló Blanquer, substituído no 2000 por Arsenio Alonso Araújo.