Bandoxa, San Martiño de
Antigo cenobio situado no concello de Oza dos Ríos, xunto ao río Mendo. Documéntase por primeira vez a súa existencia nun diploma copiado nos tombos de Sobrado dos Monxes, datado ao redor do ano 995. Neste documento o mosteiro de Bandoxa formaba parte da dotación dun cenobio maior, o de Santa Olaia de Curtis, feita por San Pedro de Mezonzo. Consérvase o templo, hoxe igrexa parroquial, de finais do s XII ou comezos do XIII. Da primitiva fábrica románica tan só se conserva o arco de acceso ao presbiterio, parte dos muros da nave e a portada occidental. O arco triunfal ten directriz apuntada e está sostido por semicolumnas acaroadas que rematan en capiteis vexetais. A portada occidental é de medio punto, abucinada e non ten columnas nin tímpano; o arco maior adórnase con billetes e o menor con boceis e medias canas.