Bandung, Conferencia de
Asemblea convocada en abril de 1955 pola India, Paquistán, Indonesia, Sri Lanka e Myanmar, na que participaron 29 países de África e de Asia (entre outros China, Exipto, Etiopia, Xapón ou Vietnam do Norte). Significou a toma de conciencia destes pobos, moitos deles independentes dende había pouco, fronte aos países desenvolvidos. A conferencia remarcou a urxencia do desenvolvemento económico e dunha política anticolonialista e neutralista. Adheriuse á Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Sostivo as reivindicacións de independencia de Marrocos, Tunes e Alxeria e a loita dos árabes contra o estado de Israel. Destacaron as intervencións de Nehru, Zhou Enlai, Nasser e Sukarno. Foi o lugar de nacemento do Movemento dos Países non Aliñados, baseado na non agresión e a non inxerencia nos asuntos internos dun país, o respecto á soberanía nacional e á coexistencia pacífica.