Banquete de Conxo
ou Banquete Democrático de Conxo Xantar celebrado o 2 de marzo de 1856 na carballeira do antigo mosteiro de Conxo (Santiago de Compostela). Os seus organizadores, Eduardo Pondal, Aurelio Aguirre e Luís Rodríguez Seoane, buscaban promover unha xuntanza interclasista na que estivesen presentes estudiantes e artesáns; entre outros estudiantes asistiron Luís Rodríguez Seoane, Víctor Salustio Alvarado, Gaspar Rodríguez Alvarado, Valentín Moreno e os irmáns Camino. Asistiron ao acto un patrono e dous individuos de cada oficio invitados polos estudiantes de Santiago de Compostela, que serviron a mesa. Os mozos que participaron nesta reunión, herdeiros da primeira xeración galeguista de 1846, encabezaban a nova xeración que acostumaba a reunirse no Liceo da Mocidade de Santiago. Non obstante , malia a exaltación da identidade galega, a idea central dos brindes foi a inxustiza e as diferencias de clase, contra as que se rebelaban reivindicando a dignidade do traballador, aínda que non se tratase de proclamas socialistas. O símbolo da unión das clases sociais reflectiuse nun abrazo entre estudiantes, que serviron o xantar, e os artesáns. O acto finalizou cunha lectura de poemas por parte de Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal e cun brinde final de carácter democrático. Debido a que os poemas de Aguirre e Pondal se consideraron revolucionarios, foron procesados pola Audiencia da Coruña, que os condenaba coa deportación ás Marianas; esta pena foi revisada grazas á intervención do fiscal de Santiago de Compostela, que consideraba que non había motivo para tanto rigor. As autoridades civís e eclesiásticas tentaron prohibir o xantar e a carballeira estivo aquel día rodeada de soldados. Trala súa celebración, sucedéronse as condenas aos participantes e mesmo tiveron que facer un escrito no que afirmaban o seu respecto á orde e o seu catolicismo. O acto foi recollido pola prensa galega; sen embargo, só La Oliva publicou o 26 de marzo de 1856 o texto do brinde de Pondal.