banquete, O
Diálogo de Platón. Na controvertida cronoloxía das obras de Platón, O banquete é unha das obras máis solidamente asignadas ao seu período de madureza, cando xa tiña concibida e estruturada a súa teoría das ideas, e antes da etapa de revisión crítica e da exposición dos problemas internos. O banquete aborda esta doutrina desde unha visión psicolóxica. Contén unha serie de discursos de diversos personaxes do século de Pericles e de Sócrates. O tema central é o amor, a busca erótica dunha beleza que se anhela. Para satisfacer este devezo, cómpre dirixilo á beleza en si mesma ou á beleza ideal, fonte de calquera outra beleza. Establécese o antecedente no que se concitan o hedonismo, a arte culinaria e a conversa como caracterizadores deste tipo de reunións. Influíu no platonismo do Renacemento.