barallete

barallete
  1. s m [ETN/LING]

    Lingua de carácter esotérico empregada polos membros dun determinado grupo social, especialmente os compoñentes de determinados oficios e profesións ambulantes para a súa comunicación. Entre eles contamos os afiadores ou paraugueiros, os xabarreadores, viveleiros, xingreiros e follateiros ourensáns que utilizan o chamado barallete; a verba dos arxinas, ou latín dos canteiros, é o termo utilizado polos canteiros e picapedreiros pontevedreses, principalmente os de Cotobade para designar a súa xerga; o chamado verbo dos daordes é o empregado polos telleiros da Guarda (chamada xíriga polos telleiros e canteiros asturianos); o latín dos chafoutas é a xerga dos albaneis, a verba dos cesteiros de Mondariz e as súas parroquias lindantes; a jalleira dos telleiros de Tomiño; etc. O seu especial modo de vida que os fai traballar entre ou para xente allea, orixina unha desconfianza que tentan superar desenvolvendo unha lingua que só resulta comprensible entre a xente dese determinado gremio; deste modo é posible comunicar ordes do oficio diante dos patróns para os que traballan, consultar entre si o prezo dun traballo ou facer comentarios sen ser comprendidos máis ca por aqueles que coñecen a xerga empregada. O seu emprego responde a un dobre obxectivo, dunha banda a cohesión interna dos membros do gremio e doutra a súa identificación e diferenciación como colectivo. Foi transmitido por vía oral, de xeito que só as novas xeracións que se van incorporando ao gremio aprenden esta xerga destinada inicialmente a non ser comprendida pola xente allea á especialidade. Aínda que si se rexistran ocasionalmente termos propios do barallete nas parroquias de orixe destes profesionais ambulantes. O período máis fecundo destas xergas tivo lugar na segunda metade do século XIX e a primeira metade do XX, cando estes oficios ambulantes que os empregaban tiñan unha maior vixencia. Nas últimas décadas o descenso do número de persoas que desenvolvan estes oficios artesanais e o descoñecemento destas xergas polos máis novos produciron unha importante decadencia no seu emprego. A orixe do termo barallete puidera estar relacionada co verbo galego barallar ‘parolar sen tino’, de xeito que por derivación se orixinaría o diminutivo ou mesmo despectivo barallete, pero isto constitúe só unha hipótese. Tendo en conta que a súa condición de ‘patrimonio gremial’ dificulta notablemente a súa recolleita e estudo exhaustivo pois resulta moi difícil interrogar a todos os seus falantes e aínda o mellor coñecedor da xerga estudiada pode non coñecela en toda a súa extensión; a continuación descríbense os trazos léxicos máis xerais que caracterizan o barallete:
    a) O maior número das súas voces constitúeno os substantivos que designan as súas ferramentas ou útiles empregados no seu traballo, obxectos de uso cotián, nomes de parasitos, axentes de autoridade, lugares de castigo, establecementos, prendas de vestir, alimentos, bebidas, etc. Moitos destes termos son alleos ao galego e proveñen de diferentes orixes: do vasco (ardo > ardoa, ‘viño’, aragui > arguía ‘carne’, arrantz > arrancios ‘ovos’, txar ‘malo’ en vasco > charras ‘gardas’, gau > gaurra ‘noite’, etc), do inglés (fish > fixo ‘peixe’, dog > doco ‘can’, etc.); do alemán (brot > brote ‘pan’). Aínda que a maior parte do léxico ten a súa orixe no galego común do que toman os termos que logo modifican engadíndolle diferentes sufixos: -orrio, (limporrio); -urria (conturria), -urrio (cristalurrio), -umela (escadumela), -umelo (platumelo), -uleque, -uxa, -uxo (ventanuxo), etc. Ademais, polo procedemento de derivación constrúense as diferentes familias léxicas partindo dunha forma base (

    Ex: pilde ‘cu’, pildona ‘merdeira’, pildatorio ‘cagadoiro, retrete’, pildarse ‘cagarse’ e ‘faltar á palabra, romperse unha cousa’, pildaría ‘merda, porcallada’, pildares ‘nádegas’, pildar ‘cagar’, ‘perder’ e ‘romper algo’, pildado ‘cagado, perdido, roto’). Tamén cómpre destacar que abundan no seu léxico os xentilicios, explicable polo seu carácter itinerante, e a carencia de termos para designar feitos como a guerra, a loita ou pelexa, o que nos fai pensar no carácter pacífico destes gremios de artesáns. b) O número de adxectivos é moito menor, entre eles cóntanse principalmente aqueles termos que expresan a calidade das cousas, a falta de habilidade das persoas. Ex: albeiro ‘branco’, fandino ‘torpe’, etc). c) Os numerais adoitan corresponder ás formas do galego engadíndolles a partícula -pes. (Ex: doupes ‘dous’, trepes ‘tres’, etc, agás catro que non responde a esta regra e adoita dicirse xato). d) Os pronomes persoais adoitan formarse engadíndolle á forma do galego a terminación -eces (Ex: tieces ‘ti’, ileces ‘el’, noseces ‘nós’, voseces ‘vós’, etc). e) Os adverbios constitúen un número moi reducido. Os catro de cantidade guezo ‘pouco’, largueño ‘moito, grande, alto’, quilé ‘nada’, todato ‘todo’. Os de afirmación sibis ‘si’, o de negación nexo ‘non, ren, ningures’, os de tempo cedórreo ‘cedo’ e tardufo ‘tarde’, os de lugar dentrufo ‘dentro’, diantrufa ‘diante’ e trasufa ‘detrás’, constituídos sobre a base da forma galega máis os sufixos -bis, -ato, -eño, -orreo, -ufo, -ufa e -uto. f) Os verbos son tamén moi abundantes, na súa inmensa maioría pertencen á primeira conxugación e designan fundamentalmente as accións desenvolvidas nos diferentes oficios (Ex: arrear ‘afiar, aguzar’, cimbrar ‘meter, pegar, botar’, cobrouzar ‘cobrar’, feirear ‘mercar, vender’, manchar ‘arranxar paraugas, gañar’, etc), feitos sociais da vida en sociedade (Ex: axuarrar ‘queimar, botar a perder’, apicholar ‘vivir’, arar ‘escribir’, carantar ‘querer, amar’, etc) e aqueles que designan as necesidades fisiolóxicas (Ex: tizar ‘comer’, pildar ‘cagar’, etc). As regras que rexen a conxugación verbal son as mesmas que as do galego para calquera conxugación regular, como se ve no exemplo: INDICATIVO carantar; PRETÉRITO: carantei, carantaches, carantou, carantamos, carantastes / carantástedes, carantaron; PRESENTE: caranto, carantas, caranta, carantamos, carantades, carantan; FUTURO: carantarei, carantarás, carantará, carantaremos, carantaredes, carantarán. g) Os demais elementos gramaticais: artigos, preposicións, conxuncións, etc, coinciden cos do galego común ou ben son prefixados das partículas xa indicadas e a sintaxe non presenta variación con respecto á galega. h) A estas regras mínimas temos que engadir os trazos dialectais propios de cada comarca (gheada, seseo, etc) pero tamén numerosas analoxías, metáteses, a protéticos, vacilacións vocálicas (sobre todo a utilización de a por e, por exemplo zarrallo/cerrallo, amezar/amecer, etc), vacilacións consonánticas (s por z en gasumelo / gazumelo, miscar/mizcar, segundo a zona e o tipo de seseo, vacilación de s por x sua/xua, talasios/talaxios, vacilacións de z por x bluzumela/bluxumela, de ch por x choulo/xoulo e z por l cachouza/cachoula. SIN: xerga.

    Confrontacións: argot.
  2. s m barallete baril

    Termo do barallete, xerga dos afiadores e paraugueiros, que corresponde á voz ‘idioma español’.

Palabras veciñas

barallado -da | barallar | baralleiro -ra | barallete | Barallobre | Barallobre | baralloca