Bases Constitucionais para a participación da Nación Galega nun Pacto Federal

Bases Constitucionais para a participación da Nación Galega nun Pacto Federal
[POLÍT]

Trala morte do xeneral Francisco Franco, Xefe do Estado, o 20 de novembro de 1975, e diante da perspectiva dunha posible ruptura constitucional do réxime que encarnaba, o Consello de Forzas Políticas Galegas -integrado polo Partido Galego Social-Demócrata, o Partido Socialista Galego e a Unión do Povo Galego- acordou plasmar nun documento os puntos mínimos irrenunciables para a súa participación no proceso de reforma. O Consello aprobou o 7 de abril de 1976 as Bases Constitucionais para a participación da Nación Galega nun Pacto Federal e de Goberno Provisorio Galego e o Proiecto de Medidas Económicas para un Programa de Goberno Provisório Galego. A UPG preparou en abril de 1976 unha edición dos documentos co obxectivo de someter o seu contido á máis ampla discusión. O Proiecto pretendía trazar un esquema xeral dos principios e obxectivos que deberían presidir e orientar, respectivamente, a concepción dunha política de desenvolvemento para Galicia e, máis en concreto, da súa estrutura produtiva, enunciando un programa mínimo de medidas específicas para os sectores industrial, agrario, pesqueiro, e para a ordenación do espazo e das comunicacións. Propuña a creación dun sector público industrial e comercial, mantendo na esfera privada as actividades non especificadas como públicas; o pulo ás cooperativas agrarias e pesqueiras; o control da política fiscal, financeira, educativa e de investigación, laboral e social; e a participación na elaboración federal das políticas monetarias e arancelarias. Nas Bases explicítase, segundo o principio de autodeterminación nacional, que a soberanía política en Galicia correspóndelle ao pobo galego. O documento artéllase en 27 bases e unha adicional. Nas tres primeiras, faise referencia á titularidade da soberanía política. Da cuarta á vixésima descríbense as condicións mínimas para a participación no proceso constituínte, entendido como Pacto Federal Español. A base undécima considera competencias nacionais galegas a autoorganización política e o autogoberno, o réxime xurídico da Administración galega, o réxime electoral, a determinación dos nacionais galegos, o réxime xurídico das libertades públicas, o aseguramento da orde pública, a política económica e fiscal e a planificación da economía, o dereito civil, mercantil e laboral, a regulación da seguridade social, a Administración de xustiza nas materias en que a lexislación sexa de competencia nacional galega, o rexistro civil e notariado, o réxime urbanístico e a ordenación do territorio, a política cultural e educativa e a política sanitaria. A base duodécima establecía o galego como idioma oficial; nas relacións oficiais dos órganos públicos galegos cos da Federación empregaríase o idioma oficial da Federación, mentres que os órganos federais nas súas relacións cos administrados estarían obrigados a empregar o galego, agás requerimento expreso en contra por parte do administrado. A décimo cuarta base esixe unha Garda Nacional e un servizo de Policía Nacional para manter a orde pública no territorio de Galicia. A décimo sexta base refírese ás competencias nacionais galegas de política e planificación económica, requirindo a nacionalización dos recursos económicos e a creación dun sector bancario público galego. A décimo sétima e décimo oitava recollen varias demandas de instrumentos e medidas de política fiscal e financeira. A décimo novena reclama como competencia nacional o sistema educativo en todos os niveis. Entre a vixésimo segunda e a vixésimo sétima abórdase o exercicio do poder polo goberno provisorio galego. Na súa base adicional reclámanse as débedas que considera que existen con respecto á clase traballadora.

Palabras veciñas

Basel | Baselitz, Georg | baselo | Bases Constitucionais para a participación da Nación Galega nun Pacto Federal | Bases de Manresa | Bases generales del regionalismo y su aplicación a Galicia | Baset