BASIC
O Código Simbólico de Instrucións de Aplicacións Xerais para Principiantes é unha linguaxe informática deseñada por John Kemeney e Thomas Kurtz en 1964 en New Hampshire (EE UU), como primeiro paso na aprendizaxe do fortran en ambientes universitarios, feita popular por Microsoft na década dos anos setenta. Serve para programar rapidamente cálculos sinxelos sen necesidade de moita aprendizaxe. Os programas poden ser moi curtos. Durante moitos anos tivo unha gran difusión por estar incluído directamente na ROM de moitos ordenadores (Apple II, IBM PC) e en sistemas operativos. Logo caeu en desuso cedendo a súa popularidade a Pascal e C. Experimentou un novo auxe debido, principalmente, ao lanzamento de Visual Basic por parte de Microsoft para Windows. Existen varias implementacións de BASIC para Macintosh. SC Basic (SC provén de Self Compiled ‘Auto Compilado’) é un compilador de BASIC que xera aplicacións independentes que poden ser distribuídas sen necesidade de dar o propio compilador ou o código fonte do programa. Estas aplicacións poden estar baseadas nos comandos tradicionais da linguaxe, empregando unha interface estándar nunha ventá de texto ou ben aproveitar todas as chamadas do Mac OS para construír unha aplicación con toda a súa interface básica de usuario. A linguaxe é estensible por medio do Toolbox Definition Language. Con este sistema é posible engadir a SC Basic as chamadas correspondentes ao sistema operativo que non estean xa incluídas.