Bazán

Bazán

A Empresa Nacional Bazán de Construcións Navais Militares, propiedade do Instituto Nacional de Industria (INI), con sede en Madrid, fundouse o 11 de xullo de 1947. Basea a súa produción nas necesidades da Armada española, distribuíndo os seus estaleiros entre Ferrol, Cádiz, Cartagena e Sestao. As orixes da empresa sitúanse en La Naval, Sociedad Española de Construción Naval, que se beneficiou do Real Decreto do 21 de abril de 1907, polo que se aprobaba un plan para a modernización da Armada española e cedía os arsenais de Ferrol e Cartagena á empresa construtora. Non obstante , nos primeiros anos da década dos corenta liquidouse o contrato que o Estado mantiña con La Naval, co obxecto de nacionalizar a industria naval militar, para o que se creou o Consello Ordenador de Construcións Navais Militares, de carácter plenamente estatal. Nese momento, traspasáronse as propiedades de La Naval á Empresa Nacional Bazán. En 1956, en virtude do Tratado de Cooperación e Axuda Mutua asinado entre España e os EE UU en 1953, desenvolvéronse unha serie de programas de modernización da flota militar española que afectaron aos destrutores tipo Oquendo (Liria e Ensenada), destrutores tipo Audaz, canoneiros tipo Pizarro, corvetas tipo Atrevida, submarinos tipo D, dragaminas tipo Tinto e o petroleiro tipo Teide. En 1963 ampliáronse os talleres, os arsenais e os chanzos do estaleiro, realizado por Obras Civís, un departamento que mantiña un carácter autónomo na súa xestión, vinculado ao organigrama de Bazán e que tiña un amplo espazo físico dentro do recinto da factoría dedicado aos talleres e oficinas. A década dos setenta estivo marcada por dous factores ben diversos: a restrición produtiva e o axuste de persoal coa conseguinte conflitividade laboral. En xullo de 1978 o INI adoptou unha serie de medidas que afectaron á Empresa Nacional Bazán: limitou a capacidade de construción de buques mercantes ata as 25.000 toneladas de rexistro en bruto (TRB) anuais e centrou a súa actividade produtiva na fabricación de artiluxios militares con destino á exportación. Estas restricións produtivas, engadidas á desfavorable evolución da demanda, mudaron a estrutura produtiva da factoría ferrolá, que entre 1976 e 1978 entregaba 200.000 TRB, e entre 1979 e 1982 non chegaba ás 13.000 TRB. A consecuencia da redución da capacidade produtiva foi un axuste de persoal en base a un plan de xubilacións anticipadas que reduciron ata a metade o cadro de persoal da factoría. Esta redución do número de empregados foi un síntoma da crise de Bazán que repercutiu nas tensións laborais. Dende comezos da década dos sesenta, os convenios aprobados en Bazán reflectiron un novo cambio na organización do traballo que supuña o incremento da intensividade do traballo, situando a rendibilidade como referente prioritario. En tanto que esta intensificación do traballo se baseou nunha regulamentación de carácter coercitivo e sancionador, a resposta dos traballadores foi a acción sindical e as continuas reivindicacións que desencadearon unha gran axitación social e política antifranquista, culminando cos sucesos do 10 de marzo de 1972, cando os incidentes entre os traballadores e a policía chegaron a provocar a ocupación militar da factoría (17.3.1972) e o seu posterior peche durante uns días; a reincorporación do persoal non comezou ata o 21 de marzo. Tralos acontecementos do 10 de marzo, iniciáronse unha serie de detencións. Logo destes sucesos, foron procesados 23 traballadores de Bazán (Proceso dos 23) no mes de xullo de 1974. Por outra banda, no ano 1978 a Empresa Nacional Bazán adquiriu a Fábrica de San Carlos e iniciou un ambicioso plan de investimentos. Ademais de construcións para uso naval, nos últimos anos diversificou a súa actividade cara a outro tipo de construcións mecánicas (material para as centrais térmicas, etc). No ano 1982 construíu o primeiro portaavións fabricado en España, o Príncipe de Asturias. A construción do portaavións partiu dun proxecto da US Navy, aínda que o desenvolvemento do mesmo e a responsabilidade residiu na factoría de Bazán en Ferrol. O portaavións ofrece unha tecnoloxía avanzada na propulsión de turbinas de gas, e para o grupo aéreo embarcado conta cun hangar con capacidade para dezasete aeronaves. Co plan de reconversión do sector naval, Bazán orientou definitivamente a súa traxectoria económica: a empresa converteuse na industria militar española de maior facturación, excluíndo en adiante a fabricación de buques mercantes e de grandes transformacións que non tivesen unha finalidade militar. O vínculo de Bazán cos programas militares e cos orzamentos do ministerio de Defensa é un dos factores que explican a crise permanente da empresa. A incorporación de España á Comunidad Económica Europea (CEE, hoxe Unión Europea), o clima de distensión internacional e as dificultades económicas dos países clientes -árabes e latinoamericanos- da industria naval militar, provocaron unha crise xeneralizada no sector naval que non se resolveu definitivamente ata a década dos noventa, cando a finais de 1992 a Xunta de Galicia e os grupos sindicais máis representativos da comarca (CC OO, CIG e UGT) chegaron a un acordo para a sinatura conxunta dun Plan Especial para Ferrol e a súa comarca, coa intención de recuperar a vitalidade do sistema produtivo local. Así mesmo, este Plan foi apoiado polo ministerio de Defensa, que investiu na Empresa Nacional Bazán 230.221 millóns de pesetas distribuídas en distintos apartados: construción das fragatas F-85 e F-86, cazaminas, patrulleiros de altura, un buque mixto e outras actuacións.