Bearn
País do SO da Gascoña (Francia) que abrangue unha superficie de 4.750 km2 na metade oriental do departamento francés dos Pireneos Atlánticos. Esténdese entre a zona axial pirenaica e o río Ador. Reúne dúas áreas xeográficas: a rexión pre-pirenaica, onde se alternan vales e outeiros, e a alta montaña. O desenvolvemento do complexo petroquímico de Lacq permitiu revitalizar a rexión, aínda que a economía do Bearn continúa a depender dos seus produtos agrícolas. A capital é Pau. O vizcondado de Bearn, englobado dentro do ducado de Gascuña, fundouse no s IX trala fusión de pequenas unidades territoriais da Novempopulania galorromana. A Guerra dos Cen Anos levou ao vizcondado a unha autonomía que non tardou en transformarse en soberanía virtual. Durante o s XVI, os sucesivos enlaces matrimoniais dos soberanos bearneses coa familia real francesa fixeron de Bearn o centro administrativo dun pequeno estado soberano onde o tráfico comercial era a base da prosperidade. No ano 1620, Luís XIII entrou cos exércitos en Pau, onde proclamou o edicto de unión de Bearn a Francia. O declive do Protestantismo foi rápido e os católicos retomaron o poder. Bearn foi perdendo os privilexios de autonomía. No s XVIII os bloqueos económicos, o peche da Universidade de Pau e, sobre todo, o triunfo da burguesía francesa, arruinaron o país.