benceno
(< lat científico benzoe)
Hidrocarburo cíclico aromático, líquido a temperatura ordinaria, incoloro, escasamente soluble en auga, que ferve a 80,1°C. A molécula do benceno está constituída por seis átomos de carbono, cada un deles unido a un hidróxeno, que forman un anel hexagonal plano e regular; a cada unha das unións carbono-carbono, contribúen un par de electróns que forman un enlace tipo σ e unha sexta parte dun sistema conxugado de seis electróns π deslocalizados, que explica o seu comportamento químico peculiar. O benceno represéntase habitualmente mediante as dúas fórmulas de Kekulé. Presenta algunhas reaccións de adición e tamén as reaccións de substitución máis abundantes e características do anel bencénico, como a haloxenación, a nitración, a sulfonación e a reacción de Friedel-Crafts. O benceno obtense por destilación fraccionada dos aceites lixeiros procedentes da destilación do alcatrán de hulla e a partir de produtos do petróleo. É unha das materias primas fundamentais da industria química orgánica. Emprégase na manufactura de substancias intermediarias para a síntese de medicamentos, colorantes, coiro artificial, linóleo, verniz e laca.