Bergondo, San Salvador de

Bergondo, San Salvador de
[HIST]

Antigo cenobio situado no concello de Bergondo. Aínda que se descoñece a data da súa fundación, sábese que xa existía no 1138, data na que Afonso VII lle outorgou numerosos privilexios reais. Poucos anos máis tarde protagonizou un preito co arcebispo compostelán sobre os dereitos de pesca dos seus vasalos no río Mandeo. No 1256 foi acollido por Afonso X baixo a súa protección. Tras sufrir un incendio en 1338, foi restaurado por Fernán Pérez de Andrade e finalmente, coa reforma monástica dos Reis Católicos, foi anexionado por San Martiño Pinario como priorado. A actual igrexa parroquial é románica, da segunda metade do s XII. De planta basilical, presenta unha disposición de tres naves que se corresponden con outras tantas ábsidas na cabeceira. A cuberta da nave é de madeira a dúas augas, mentres que as ábsidas teñen bóveda de canón rematada nun cuarto de esfera. No interior alberga mostras de escultura funeraria da época. A carón do templo persisten as dependencias do antigo convento convertidas na casa rectoral. Foi declarado Ben de Interese Cultural en 1973.

Palabras veciñas

Bergognone | Bergondo | Bergondo | Bergondo, San Salvador de | Bergonzi, Carlo | Bergslagen | Bergsoe, Jorgen Vilhelm