Bernaldo/Bernalda

Bernaldo/Bernalda
[ONOM]

Antropónimo procedente do xermánico Bernhard, formado por berin ‘oso’, metaforicamente ‘guerreiro astuto’ e hard ‘forte, atrevido’; xa que logo ‘o guerreiro forte e audaz’. Trátase dunha derivación de Bernald ‘oso (guerreiro) vello, ilustre’. Na Idade Media foi nome frecuente tanto con esta forma, Bernaldo, coma coa apocopada Bernal; co tempo ambas as formas pasaron a empregarse como apelido pervivindo aínda hoxe a forma Bernal.   Como antropónimo presenta as variantes Bernal, Bernardo/Bernarda e, como hipocorísticos, Nardo, Narducho, Nucho e Nare. San Bernaldo de Claraval (1090-1153) foi o frade borgoñón que reformou a orde do Císter. É titular dunha parroquia e a súa festa celébrase o 20 de agosto e o 30 de novembro. Na tradición oral recóllese abondosa fraseoloxía referente a este santo: “Ser coma a espada de Bernardo” dise sobre todo por terras de Fisterra e significa non servir para nada; “Por san Bernardo torna, muller, ao saio”, alude a que polo 20 de agosto xa empeza a refrescar o tempo; “Por san Bernardo, pegureiro trapallado (ou corpo afatado)”, refírese a que hai que empezar a abrigarse, etc.