Besteiro

Besteiro
  1. [ONOM]

    Apelido que ten a súa orixe nun alcume de tipo profesional. O oficio de besteiro, xa desaparecido, foi moi común na Idade Media. Nesta época, un besteiro podía ser un soldado que ía armado cunha bésta, termo procedente do latín ballista ‘máquina de guerra para lanzar proxectís’ ou ben ‘empregado de palacio que coidaba as escopetas e outras armas dos reis e das persoas reais e que os acompañaba cando ían de caza’. Parece pouco probable que se poida relacionar co substantivo común besta ‘egua, cabalería en xeral’. Nalgún caso, este apelido podería proceder dun topónimo, xa que na nosa comunidade existen os lugares de Besteiro e Besteiros, que fan referencia á existencia neses lugares, no momento en que recibiron o seu nome, de individuos con esta profesión. Na época medieval tamén se atesta a forma feminina deste apelido aplicada a mulleres; nestes casos a muller recibiría o alcume do marido. Este apelido pode aparecer grafado cun v- non etimolóxico: Vesteiro.

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe de orixe portuguesa procedente de Bouzas, preto de Melgazoque, que leva como armas: en campo de azul, unha torre sobre rochas da súa cor e tres bestas (ou cabalerías de carga), unha en cada flanco da torre e a terceira enriba desta. Outra variante trae: en campo de azul, unha torre de prata sobre rochas ao natural, que saen da punta do escudo, superada dun lobo parado de prata e arrimada doutros dous lobos, tamén parados, do mesmo metal, un a cada lado.