1 beta

1 beta
  1. s m [LING]

    Nome da segunda letra do alfabeto grego. Como signo numérico equivale a 2 (B’) ou ben a 2000 (,B).

  2. s m [ASTRON]

    Símbolo utilizado para designar a segunda estrela máis brillante dunha constelación.

  3. s m [QUÍM]

    Símbolo empregado como prefixo, co que se designan certas posicións ou configuracións das moléculas ou certos isómeros, na nomenclatura orgánica non sistemática. A posición β é, en moitos compostos orgánicos, a posición seguinte á alfa. A configuración β é, nas osas (monosacáridos), a do anómero de poder rotatorio menos elevado (na serie D) ou máis elevado (na serie L).

  4. s m [INFORM]

    ersións de probas dun sistema operativo ou unha aplicación que se lle entrega ou vende a unha serie de persoas (analizadores de probas) para que comproben o seu funcionamento en diferentes equipos e descubran erros e problemas que se lles presentan ao empregala, co fin de que estes sexan corrixidos antes de que saia ao mercado. Estas versións de experimentación teñen con frecuencia unha data de caducidade para evitar o seu uso unha vez que o sistema ou aplicación definitiva sae á venda. Identifícanse normalmente pola letra b. Así, por exemplo, a versión beta número 15 da versión catro da aplicación de corrección de textos Corrixe, chamaríase Corrixe 4.0b15.

  5. actividade β [FISIOL]

    Actividade rítmica cerebral rexistrada no electroencefalograma normal. Está constituída por ondas recollidas nas rexións frotocentrais do cranio.

  6. beta tester [INFORM]

    analizador de probas.

  7. función β [MAT]

    Función definida pola ecuación


    FORMULA


    que converxe para valores de r e s positivos. Chamada tamén primeira integral de Euler, relaciónase coa segunda integral de Euler (función gamma) pola ecuación


    FORMULA


  8. partícula β/raios β [FÍS]

    Unha das partículas emitidas na desintegración de determinados núcleos radioactivos. A radiación β emitida polos elementos radioactivos naturais está formada por electróns. Cómpre distinguir entre as emisións β - e β + . Ambos os dous procesos son decaementos ou desintegracións dun núcleo: a emisión β - (electrón) ten lugar cando un neutrón se transforma nun protón e un antineutrino e a emisión β + (positrón) cando un protón se transforma nun neutrón e un neutrino. A captura electrónica, na que un electrón orbital é atrapado por un protón do núcleo e resulta un neutrón e un neutrino, é un terceiro tipo de desintegración β.

Palabras veciñas

bet ha-midraš* | bet ha-séfer* | Bet Shean | 1 beta | Beta | Beta | betacismo