betacismo
(
Proceso fonético de igualación entre os fonemas /b/ bilabial e /v/ labiodental que tivo a súa orixe na evolución anómala de determinados vocábulos latinos no seu paso ao romance. Algúns estudiosos soteñen que no período preliterario, o galego-portugués distinguía entre o fonema oclusivo bilabial /b/ procedente de B-, BR-, BL-, -P-, -PR-, -PL-, -MB- e -BB-; o fonema /β/ e v ou u procedentes de -B-, -RB-, -BR-, -LB-, V-, -V- e -V- posconsonántico; pero tamén conflúen cos resultados do fonema labiodental sonoro /v/ procedente de -F-, -FR-, absorbidos polo /β/. A confusión xa se rexistra no galego-portugués do s XIII e foi común a todo o norte da Península Ibérica (catalán, español e galego-portugués) na lingua medieval. Na actualidade, o portugués consolidou esta evolución anómala dalgúns termos fronte ao galego que opta pola desfonoloxización da antiga oposición e a unificación nun só fonema /b/ que si presenta unha dobre realización: fricativa (en posición intervocálica) ou oclusiva (precedido de consoante ou de pausa). O portugués estándar distanciou foneticamente /b/ e /β/, de xeito que asimilou a fricativa bilabial á fricativa labiodental sonora e establecendo unha oposición /b/ fronte a /v/. Algúns exemplos de betacismo son: FEBRŬĀRĬU > med fevreiro ~ febreiro, LABŌRE > med lavor ~ labor e NŎVE > med nove ~ nobe.