Biafra
Nome que tomou a antiga rexión Oriental de Nixeria (76.364 Km2), ao declararse independente o 30 de maio de 1967. A maioría da poboación é ibo. Predomina o Catolicismo, a diferenza das rexións do N, onde o Islam é maioritario. Os principais recursos económicos son a agricultura, o carbón, o petróleo e o gas natural. As principais cidades son Onitsha, Enugu, Owerri, Umuahia, Aba, Porto Harcourt, Calabar e Bonny. Despois do golpe de estado do xeneral nixeriano Yakubu Gowon, en xullo de 1966, o gobernador da rexión Oriental, xeneral Chukwerneka Odumegwu Ojukwu, negouse a recoñecer o novo goberno; a crise producida por mor deste feito acrecentouse coas matanzas de poboación ibo ao N (30.000 en xullo de 1966), matanzas que responden a un desexo de vinganza dos emires do norte polo asasinato do principal dirixente e o papel de minoría privilexiada dos ibos na rexión Hausa. A sensación de ser perseguidos polo novo goberno militar xunto co feito de ser esta rexión unha das mais prósperas, grazas ao petróleo, motivou un desexo de independencia. Estas tensións motivaron que tanto o xeneral Gowon como Ojukwu firmasen un acordo (Acordo de Aburi), que tiña como principal obxectivo reducir o poder de Gowon e ceder a dirección do país ao Consello Militar Supremo. Despois deste acordo, sucedéronse unha serie de feitos como a división da rexión oriental en tres estados e a unión dos estudiantes orientais a favor da independencia. Así o 30 de maio de 1967 esta rexión declarouse independente co nome de Biafra, aprobouse a Constitución da República Independente de Biafra e Ojukwu resultou elixido Presidente da mesma en xullo. A internacionalización do conflito foi inmediata: mentres o Reino Unido e a URSS axudaban a Nixeria; Portugal, Zimbabwe, a República Sudafricana e, máis veladamente, os EE UU e Francia, sostiñan o réxime biafrés. No transcurso da guerra, foron as tropas federais as que levaron a iniciativa, a actitude de Gownon foi dunha gran represión contra a poboación, con grandes matanzas. Un dos aliados das tropas federais foi a fame, acrecentada polos ataques aos envíos da Cruz Vermella, que se xustificaron alegando que eran posibles envíos de armas dende o exterior. Cara ao final de 1969 a situación dos biafrenses era insostible e Ojukwu tivo que abandonar o país pouco despois. Finalmente, o día 11 de xaneiro de 1970, o xeneral Effiong anunciou a capitulación de Biafra e a fin da República Independente. Estas tensións afectaron á economía do país, pois os continuos ataques ás refinerías produciron un descenso na produción petrolífera. Actualmente as revoltas nas zonas petolíferas continúan: debido á explosión, en 1998, dun oleoduto producíronse máis de 700 víctimas.