Biblioteca Pública de Pontevedra
Biblioteca organizada a partir de 1848 con fondos que proviñan dos mosteiros e conventos da provincia. Inaugurouse o 2 de febreiro de 1849. Do Instituto Provincial de Segunda Enseñanza trasladouse á Sala de Quintas do Palacio Provincial, e logo a unha sala do Arquivo da Delegación de Facenda. Despois de varios traslados (1931) instalouse no Instituto de Enseñanza Media. Entre os seus fondos figuran a colección da Sociedade de Arqueoloxía, a colección Sampedro, os libros de homenaxe a Losada Diéguez e os que figuraban no Instituto de Enseñanza Media. Pouco a pouco foi aumentando a súa colección bibliográfica, con numerosas subscricións a revistas e xornais. Adquiriu tamén en 1946 a Biblioteca Muruais, composta por obras de arte e literatura francesa e inglesa do século XIX. Finalmente, sufriu un novo traslado ao Arquivo Histórico Provincial, onde incrementou os seus fondos. En 1977 conformouse a sección de libros infantís con máis de 2.000 volumes. A finais da década dos anos 80 contaba con máis de 69.000 volumes e 122 títulos diferentes de revistas e xornais.