Bieito/Bieita
-
[ONOM]
Antropónimo procedente do latín Benedic22tus ‘bendito’, base da que tamén deriva Benedic22to como forma culta de Bieito. Este nome presenta as variantes Bento/Benta e Benito/Benita; a través do español penetrou en portugués e en italiano. Coñécense como hipocorísticos Tocho, Nito e Beni. As formas masculinas tamén se atestan como apelidos, xa que proceden do uso do nome persoal como patronímico insufixado; así, Biéitez e Bieites, que adoito aparecen grafados como Vieitez e Vieites. San Bieito é un santo moi popular en Galicia; moitos devotos demandan a súa axuda na procura dunha curación para os seus vultos, espullas ou tumores. Á ermida de San Bieito da Cova do Lobo, preto de Ourense, acoden moitas nais para curar os seus meniños do tangaraño, misterioso meigallo da infancia que enfraquece e deforma os nenos. Preto do santuario está a Pedra do Tangaraño ou Penedo Vigón, unha das ancestrais pedras furadas nas que se practica un rito de paso con fin curativo: a nai pásalle o cativo á madriña, que se sitúa no outro lado do burato, pronunciando a oración “Señor san Bieito, meu fillo che traio: doente cho deixo, devólvemo sano”. Este san Bieito da Cova do Lobo é tamén avogoso da dor de cabeza e dos ollos; o de Covas (Meaño), das enfermidades dos peitos e o san Bento do Cando é casamenteiro. Con todo, o san Bieito máis famoso e milagreiro, popularizado polo folclore galego, é o de Lérez, parroquia que contou xa dende o s X cun mosteiro da orde bieita. Outros santuarios bieitos galegos de moita sona son o san Bieito de Fefiñáns e o de Lores. San Bieito Abade é patrón dos concellos de Arbo, Cambados, Cenlle, Cortegada, Cuntis, Gondomar, Meaño, Meis, Pontevedra, O Porriño (lugares onde se celebra o día 11 de xullo, día do calendario litúrxico), Allariz (12 de xullo), Samos (15 de xullo) e Portas (21 de marzo). San Bieito é titular de 6 parroquias en toda Galicia. As celebracións teñen lugar o 21 de marzo e o 11 de xullo: a primeira das datas correspóndese coa celebración tradicional que estivo vixente na Igrexa ata a reforma do calendario eclesiástico tralo Concilio Vaticano II, mentres que a segunda, a conmemorada dende sempre pola orde, é a que se celebra na actualidade. San Bieito o Mouro festéxase o 4 de abril, agás en Covas, onde se conmemora o martes de Pascua. A tradición oral recolle moitas veces nome deste santo en refráns e coplas populares ben coñecidas: “Non é a purga de Benito”, que se dise cando unha ferida non cura, “Por san Benito canta o cuquiño e por san Pedro canta o cuquelo”, “San Benitiño do ollo redondo / hei de ir alá miña nai se non morro / hei de lovar unha bota de viño / máis unha libra de pan do Porriño (ou e un moletiño de pan pró camiño; ou pra bebela andando o camiño; ou pra emborracharme no san Benitiño)”, “Se vas ao San Benitiño / non vaias ao de Carballo / que hai outro máis milagroso / no convento de Sobrado”, “Hei de ir ao San Benitiño, / hei de leva-la bota de viño / e un anaco de pan / pra invitar ao san Benitiño”, “San Benitiño querido, / acóllenos coas túas mans / e lévanos a ese mal cura / que temos en Fefiñáns”.
-
[HIST/HERÁLD]
Liñaxe natural de Betanzos. As súas armas levan, en campo de azul, unha planta con bieitos.