biodiversidade
(
Medida da diversidade da vida sobre a terra a distintos niveis, dende a diversidade xenética ata a de especies ou grupos tróficos no ecosistema. O termo apareceu por vez primeira no ano 1982 como unha palabra que engloba a ampla variedade de formas viventes. Resulta sumamente difícil estimar a biodiversidade global, tanto a nivel molecular (tense estudado menos dun 1%) como a nivel específico (menos do 10 %). Da biodiversidade xenética depende a capacidade de supervivencia dos seres vivos ante as flutuacións nas condicións ambientais, na predación e na competencia polos recursos. A diversidade xenética maximiza a probabilidade dunha especie de soportar cambios ambientais e a súa diminución; como consecuencia da redución da poboación, aumenta o risco de extinción da especie. En canto á biodiversidade específica, téñense descrito ata o de agora máis de 1,7 millóns de organismos dos que máis de 1,1 corresponde soamente aos insectos. Estímase, sen embargo, que a cifra real destes grupos de animais está ao redor dos 40 millóns de especies, o que ofrece unha idea do deficiente grao de coñecemento que se ten da biodiversidade. Dende que Linne iniciou a taxonomía moderna en 1758, rexistrando 9.000 especies, os taxónomos teñen engadido especies a un ritmo moi dispar, segundo a categoría taxonómica. Case está terminado o catálogo de vertebrados (por exemplo sábese que en Galicia están presentes 146 especies de aves, 15 de anfibios, 24 de réptiles e 11 de peixes). De 1978 a 1987 o número de especies de aves coñecidas aumentou por termo medio só o 0,05% anual, pola contra, ao longo do mesmo período, o número rexistrado de especies de insectos aumentou o 0,8% anual; o de arácnidos o 1,8 % anual, e o de fungos e nematodos o 2,4% anual. Por outra banda, non chega ao 15% a proporción de especies mariñas coñecidas, aínda que o 90% de todas as clases de organismos viven nos océanos. A biodiversidade axuda no diagnóstico da saúde dun ecosistema. Na diversidade biolóxica o home dispón de recursos básicos para o desenvolvemento de fármacos, da agricultura e da gandería para levar adiante a mellora xénetica clásica e para xerar formas transxénicas. Nun ecosistema a tendencia xeral é a de acadar unha maior estabilidade, un aumento da biodiversidade e un aumento da biomasa. Esta tendencia xeral está interrompida por crises periódicas na biosfera. As actividades do home contribúen á aparición das crises e na actualidade as taxas de extinción estímanse entre as 10.000 e as 25.000 especies anuais. Así as selvas, que albergan o 40% das especies animais, e os bosques vense ameazados pola deforestación, de 70.000 km2 ao ano, que está causada polo aumento da poboación mundial, o aumento da produción agrícola e o incremento da demanda de madeira a nivel mundial. Na Europa Comunitaria as políticas emprendidas para a protección da biodiversidade van encamiñadas á protección de hábitats naturais mediante a creación dunha rede de espacios que gozan dunha especial protección coa pretensión de conservar a súa flora e fauna.