birmano -na

birmano -na

(< topónimo Birmania)

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Myanmar ou á antiga Birmania, aos seus habitantes ou á súa lingua.

  2. s

    Natural ou habitante de Myanmar ou da antiga Birmania.

  3. s

    Individuo do grupo étnico birmano, o máis numeroso de Myanmar.

  4. s [ETN]

    Grupo étnico maioritario de Myanmar, onde constitúe preto do 70% da poboación. Concéntranse nos vales dos ríos Irauadi e Chindwin, na costa de Tenasserim sobre o mar de Andaman, e xunto ao golfo de Bengala, na costa de Arakan. Son de etnia mongólica e proveñen dunha zona situada ao norte da rexión onde se atopan na actualidade. A economía depende do cultivo do algodón, tabaco e arroz con arado, e da artesanía do tecido e do coiro. Habitan poboados sobre plataformas e fortificados. De relixión budista, teñen a súa manifestación artística máis destacada no pwe, un espectáculo de danza e música. Dominan o goberno e as institucións políticas da Unión de Myanmar en detrimento doutras minorías étnicas (chan, karen, kachin, mon, etc).

  5. [LING]
    1. s m

      Grupo de linguas da familia sino-tibetana que se inclúe dentro do grupo tibeto-birmano no que tamén se inclúen outras linguas como o katxin e o kuki.

    2. s m

      Lingua do grupo homónimo falada polos birmanos e empregada, ademais, como segunda lingua por outros pobos de Myanmar, onde é lingua oficial. É unha das linguas máis faladas do mundo, emprégana para comunicarse uns 28.000.000 de falantes. O primeiro texto escrito con caracteres pali data de mediados do s XI. Estendeuse como lingua relixiosa e de cultura coa penetración do Budismo procedente da India.

  6. arte birmana [ARTE]

    Arte desenvolvida polo pobo birmano. Estivo moi influída pola arte india, especialmente o pāla bengalí. Os templos máis importantes do país datan dos ss IX-XIII, e foron construídos fundamentalmente a partir do reinado de Amiruddha (1044-1077). Destacan as construcións da cidade de Pagan e o templo de Ananda (1082-1090), edificado en tempos do rei Kyanzittha (1084-1112). As antigas tradicións artísticas perviven na refinada arquitectura de madeira de Mandalay (s XIX). Na construción dos stupa e dos pagodes birmanos empregábase o ladrillo cocido e estaban decorados con revestimentos de terracota ou de baldosa. Os stupa teñen a planta circular e semellan, en moitas ocasións, campanarios. Os pagodes, de base cadrada ou cruciforme, son simples e sen adicións. A escultura maniféstase na elaboración de tallas de madeira. Destaca a pintura mural aplicada á decoración dos templos mostra da complexidade de estilo e das tradicións características da arte birmana.

  7. literatura birmana [LIT]

    Literatura escrita en lingua birmana. No s VI xurdiu nos mosteiros unha tradición literaria en lingua pali, de inspiración india, influída polo Budismo. Do s XII datan as primeiras inscricións sobre pedra, a máis antiga das cales é a de Myazedi (1113). No s XV apareceu a escritura sobre folla de palmeira ou sobre papel, e creouse unha tradición literaria en idioma birmano que acadou un alto dominio da lingua en diversos xéneros literarios. Destacan os xéneros en verso, rexidos por regras moi complexas. A prosa reduciuse, practicamente, a traducións e adaptacións das escrituras búdicas e a crónicas e disposicións legais dos monarcas. Coa introdución da imprenta, cara a 1870, a literatura chegou a un público máis amplo. Por isto os xéneros literarios máis cultivados serían a novela, o conto, o ensaio e o teatro. No s XX, prodúcese unha maior aproximación da literatura birmana á occidental, como consecuencia da tradución e adaptación de obras da literatura occidental e da fundación da Universidade de Rangoon (1920) e finalmente coa creación da Sociedade Birmana de Traducións (1947). Entre os autores birmanos máis destacados do s XX cómpre mencionar a Maha Shwé, Ming Aung, U Aung Phé, Thadu e Khin Hnin Yu.

Palabras veciñas

Birkigt, Marc | birlo | Birmania | birmano -na | Birmingham | Birmingham | Birobidžan