Bolaño
Liñaxe que fundou casa na fortaleza da Barreira, na ribeira do río Neira, e que está moi vinculada á casta dos Ribadeneira. Dende Lugo pasou ás restantes provincias galegas, a Asturias e Castela. As súas armas levan escudo mantelado: primeiro, en campo de ouro, unha cruz de Calatrava de goles, cargada de cinco veneras de prata, e en punta ondas de azul e prata (armas dos Ribadeneira); segundo, en campo de goles, un león rampante ao natural; terceiro, en campo de sinople, un cordeiro de prata sobre un bolo de ouro. Algunhas ramas levan escudo acuartelado: primeiro e cuarto cuarteis, en campo de prata, cunha cruz de Calatrava de goles, cargada de cinco veneras de ouro; segundo cuartel, en campo de sinople, cun león rampante de ouro; terceiro cuartel, en campo de sinople, un cordeiro de prata cebado dun bolo de ouro. Recóllese tamén escudo: en campo de sinople, cun cordeiro pasante, superado dun bolo de ouro. Os de Asturias traen, en campo de sinople, un cordeiro de prata cebado dun bolo de ouro e sinistrado dunha perna ata a coxa, con armadura de prata e calzado o pé con espora de ouro. A rama de Valladolid ostenta escudo acuartelado: primeiro cuartel, en campo de ouro, dous roeis de goles postos en faixa; segundo e terceiro cuarteis, en campo de sinople, unha cabeza de becerro ao natural, cortada; cuarto cuartel, en campo de ouro, un cordeiro pasante da súa cor.