Boletín do Museo Provincial de Lugo

Boletín do Museo Provincial de Lugo
[PUBLIC]

Divulgado polo servizo de publicacións da Deputación Provincial de Lugo, apareceu en 1983. O primeiro tomo rendía homenaxe a Manuel Vázquez Seijas, director honorario perpetuo do museo, e a Luís Gómez Pacios. Nas case trescentas páxinas que ocupaba podíanse ler unha gran variedade de traballos de carácter científico ou cultural, asinados por xente como Xosé Trapero Pardo, Felipe Arias Vilas, María Elena Varela Arias ou Jaime Delgado Gómez. Incluíu seccións como “Estudos”, con traballos de fondo extensos; “Varia”, a xeito de noticiario breve; “Noticiario del museo”, que incluía estudios e descricións de pezas novas ou en revisión, e “Bibliografía”, todas cunha presentación moi coidada. No prólogo do primeiro número afirmaban que se trataba dun órgano de expresión científica e cultural, onde se trataban temas relacionados coa Arte, Historia, Numismática, Epigrafía, Arqueoloxía e Museoloxía. Outra das súas intencións era a de mellorar e ampliar o contido e a forma do seu predecesor: o Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos históricos y artísticos de Lugo.