Bonxe, olería de
Tradición oleira desenvolvida na parroquia de Bonxe (concello de Outeiro de Rei), sobre todo a partir dos ss XVIII e XIX, perdida ao longo do s XX e recuperada en 1975 polo artesán Indalecio Lombao e a súa familia. Os primitivos talleres eran de carácter familiar e o oficio, complementario aos labores agrícolas, transmitíase de pais a fillos por vía masculina. A muller dedicábase a transportar, pisar o barro e a comercializar os obxectos. O barro procedente do monte de San Lourenzo e do Picazo estaba formado por unha mestura de barro de febra de maior plasticidade e liga que se axuntaba con outro de menor liga. Os oleiros recibían o nome da casa de onde procedían, tal é o caso de Euxenio das Casas Novas. Fabricaban obxectos de todo tipo como olas, pucheiros, potas e cuncas; a todos estes obxectos engadíronse nos últimos tempos porróns, figuras e monecas ou carautas de entroido.