Bósforo, O
Estreito que comunica o Mar Negro co Mar de Mármara, e separa as penínsulas dos Balcáns (a Turquía europea, na beira setentrional) de Anatolia (a Turquía asiática, na beira meridional). Antiga conca fluvial invadida polo mar durante a transgresión do Cuaternario superior, ten unha lonxitude de 30 km e unha amplitude que oscila entre un mínimo de 300 m e un máximo de 3.000 m. O estreito pon en contacto masas de auga de moi diferentes características: unha corrente de augas superficiais doces flúe dende o Mar Negro ata o Mar de Mármara a unha velocidade de 8 km/h, mentres que outra corrente salgada flúe en sentido contrario, máis lenta e profunda. A ambas as beiras esténdese a aglomeración urbana de Istambul, a maior cidade turca. A importancia xeopolítica do estreito é notable, pois controla a saída do Mar Negro cara ao Mediterráneo, constituíndo un paso de vital importancia para as mercadorías procedentes de Rusia, Ucraína e o Cáucaso. Entre estas mercadorías sobresae o petróleo; o tránsito de petroleiros polo Bósforo é tan intenso que tivo que ser regulado polas autoridades turcas para evitar accidentes como o rexistrado o 30 de decembro de 1999, cun vertido que provocou unha marea negra que afectou gravemente o litoral. No 615 a C os megarenses fundaron Bizancio. O seu dominio permitiu a Atenas o esplendor do s V a C. No 513 a C o persa Darío I atravesouno para invadir Grecia. Constantino erixiu á súa beira a capital do mundo romano (Constantinopla, 330) e converteu a zona en centro do comercio mundial na Idade Media. O dominio do estreito foi disputado, no momento de decadencia de Constantinopla, por Venecia, Xénova e Catalunya. O dominio turco dende 1354 e a ruptura das rutas comerciais do interior de Asia diminuíron a súa importancia comercial. Nos ss XVIII e XIX a historia do Bósforo confúndese coa máis ampla cuestión dos estreitos. Unha ponte une ambas as dúas ribeiras, a europea e a asiática.