Bosque animado, El
Novela publicada por Wenceslao Fernández Flórez no ano 1943. Recrea un mundo especificamente galego: a fraga de Cecebre e os seus habitantes, tanto os seres irracionais como os homes vinculados a ela. Preséntase como unha defensa da vida do campo e do contacto directo coa natureza, como alternativa vital. A fabulación divídese en dezaseis estancias, á maneira renacentista, emulando o esquema compositivo das églogas. Trátase de relatos independentes, pero conexos por un lene fío argumental constituído, precisamente, polo escenario no que se desenvolve a acción, o bosque vivente, que funciona á vez como protagonista colectivo. O libro péchase cun “ultílogo”, cultismo que introduce o autor amodo de despedida poética. A primeira estancia familiariza o lector coa paisaxe e co ambiente da fraga, por medio da animación dos distintos elementos naturais que a compoñen: o ceo, as árbores, o chan, etc. A partir da segunda, iníciase un ritmo de composición que alterna, de modo case invariable, episodios protagonizados polos diversos tipos humanos que, de forma permanente ou transitoria, poboan o bosque, con historias que corresponden aos animais do lugar. Ao redor do núcleo narrativo, que constitúe a natureza animada, articúlanse outras cuestións, como o tema do desengano, a non realización dos soños ou desexos, que afecta a múltiples personaxes (humanos ou non) de distintas formas; o tema da morte, que aparece contra o final do texto de forma tráxica e repentina ou a sátira de costumes. A técnica compositiva dominante é a descrición, que alterna coa dramatización das situacións en forma de diálogo ou estilo directo. Na captación da realidade emprégase, principalmente, o fenómeno visual, con atención a detalles moi precisos, como se se manexase unha cámara cinematográfica: pártese de imaxes concretas (a folla, a gota de orballo, a flor), que se van ampliando pouco a pouco ata suxerir o ceo, a fraga, o río; e da paisaxe xorden as figuras, os animais, os homes e os nenos, redundando na función do marco natural como base para o desenvolvemento argumental. Por último, cómpre sinalar a importancia do mencionado compoñente galego, que se reflicte na caracterización do espazo con elementos prototípicos da paisaxe (o verde, a humidade, a choiva) ou da arquitectura popular (a palloza, o castro, o hórreo, o pazo, o lar), e na alusión constante á etnografía (a meiga, a Santa Compaña, as lendas de aparecidos), á tradición (os velorios, cos mandados das familias para os seus mortos, ou os cantos de romaría) e á psicoloxía rural, coas súas teimas e aspiracións (a emigración a América ou a posesión de animais domésticos e terras como símbolo de riqueza).