Bosque animado, El

Bosque animado, El
[IMAX]

Filme realizado en 1987 polo produtor Eduardo Ducay con dirección de José Luis Cuerda e guión de Rafael Azcona baseado na novela homónima de Wenceslao Fernández Flórez. Desde finais da década dos anos vinte, o escritor coruñés mantivera co cine unha relación moi estreita, tanto subministrando temas que outros adaptarían, como participando directamente como guionista. Con anterioridade á obra de Cuerda, Antonio F. Simón dirixira en 1975 unha mediametraxe, partindo do mesmo texto orixinal, co título de Fendetestas. Tanto nun caso como noutro, os guionistas tiveron que prescindir do antropomorfismo do mundo animal e vexetal, que constituía a maior singularidade do relato wenceslaiano. Sobrado dos Monxes converteuse na fraga de Cecebre. Se ben os condicionamentos comerciais colocan en primeiro termo publicitario o nome de Alfredo Landa no seu papel de Malvís/Fendetestas, a película vén sendo unha obra coral, tratamento ao que non é alleo o título: baixo o amparo da fraga viven señores e labregos, homes e mulleres dependentes, en menor ou en maior medida, dos labores do campo. A historia conta as andainas de Geraldo, un mariñeiro reconvertido en poceiro por mor dun accidente no mar, e do seu compañeiro Malvís, quen, ante a necesidade que pasa polo seu escaso traballo, decide facerse bandido e, co nome de Fendetestas, vive agochado na tranquila fraga de Cecebre. A chegada dunha ánima en pena, Fiz de Cotovelo, que se instala no bosque, complica aínda máis a vida dos lugareños. Dentro deste universo rural, son as mulleres como Juanita Arruallo, Hermelinda, Pilara e A Moucha, entre outras, as personaxes máis vinculadas ao mundo cotián; pola contra, a maior parte dos personaxes masculinos teñen comportamentos infantís. Rafael Azcona atopou no relato de Fernández Flórez a mellor canteira para a construción dos seus tipos cinematográficos, que se moven nun espazo físico fotografado por Javier Aguirresarobe, quen aproveita as posibilidades da paisaxe sen caer no preciosismo gratuíto. O labor técnico artístico de ambientación -escenografía e música- estivo dirixido respectivamente por Félix Murcia e José Nieto quen recibiu o Premio Goya.

Palabras veciñas

bosónico -ca | bosque | Bosque animado, El | Bosque animado, El | Bosque Animado, O | Bosque del lobo, El | Bosque, El